Amizade entre ferroláns

Amizade entre ferroláns
05 de Febreiro, 2021 - 11:34 h. | Publicada por Radio Fene

A relación entre Carvalho Calero e Xohana Torres foi contínua. Empezou sendo unha relación profesor-alumna desde a infancia dela. Acabou sendo literaria cada vez que un destes autores ferroláns publicaba.

ESCOITA O PODCAST:

A relación entre Ricardo Carvalho Calero e a tamén autora ferrolá, Xohana Torres, foi sempre moi estreita e agarimosa. Relación entre profesor e alumna que comezou cando ela tiña 9 anos e acudía ás aulas de Carvalho Calero na cidade departamental. O profesor tense referido a ela como unha alumna moi especial cando no primeiro de bacharelato, con dez anos, explicoulle as Guerras Púnicas con grande soltura. A admiración foi sempre recíproca. Ela amosou gran devoción por el e mesmo chegou a dedicarlle un poema. El dedicoulle máis dun articulo sempre que ela publicaba, xa desde o seu primeiro poemario “Do sulco” ata as obras de teatro “A outra banda do Iberr” (1965) e “Un hotel de primeira sobre o río” (1968). O biógrafo de Carvalho, Martinho Montero, ofrécenos probas desa relación afectiva e profesional.

Cando premiaron a Xohana Torres nun concurso do Centro Galego de Bos Aires pola novela “ Adios María” e houbo polémica porque Blanco Amor, que presentara “Xente ao lonxe”, reclamou ao xurado, Carvalho Calero ponse do lado dela, afirmando que as acusacións do ourensán non teñen fundamento. Así pois a relación alumna e profesor, ferroláns ambos, foi sempre estreita.  Ambos formaron parte da RAG aínda que nunca coincidiran. A proposta de Xosé Luís Méndez Ferrín e Salvador García- Bodaño, Xohana Torres ingresou na RAG o 27 de outubro de 2001 cando Don Ricardo xa falecera en 1990.

 

(Imaxe propiedade do Consello da Cultura Galega. Á dereita Xohana Torres e no uso da palabra, Carvalho Calero, no acto de entrega do Pedrón de Ouro á autora ferrolá na Casa da Matanza. Padrón 1972)

Cultura

Publica o teu comentario agora