Anegamentos ao paso de Elsa

Anegamentos ao paso de Elsa
19 de Decembro, 2019 - 08:30 h. | Publicada por Radio Fene

O temporal segue con choivas fortes e aparello eléctrico nesta xornada do xoves dezanove de decembro. A borrasca Elsa deixou a noite en branco para moitos veciños e veciñas de Fene como doutras partes de Galicia.

Meteogalicia agarda para este xoves dezanove de decembro, máis precipitacións e ventos fortes do SW. O temporal segue con choivas fortes e aparello eléctrico. Os ventos soplan fortes do Sudoeste con intervalos moi fortes. O temporal Elsa deixou sobretodo inundacións en diferentes puntos da comarca. No concello de Fene medrou tanto o rio Cádavo que provocou unha das maiores inundacións na zona das vivendas de Astano. Os operarios municipais traballaron ata pasadas as 12 da noite para achicar a zona. Tamén as inmediacións da Casa da Cultura sofriu inundacións a causa de que a rede de saneamento non deu absorbido tanta auga caída durante toda a xornada. Podes ver aquí un video con algún dos efectos do temporal:

https://bit.ly/2EwLnyP

O anegamento da rúa Río Cádavo en Perlío inutilizou garaxes e inmovilizou vehículos. Caeron máis de cen litros por metro cadrado. O Concello de Fene depositou sacos de area nas marxes do rio Cádavo para intentar evitar o anegamento da zona do Ameneiral. Un accidente provocou a interrupción do acceso a Ferrol pola AP-9 tendo os vehículos que sair da autoestrada en Fene.

Elsa tamén fixo das súas en San Sadurniño. Entre as 19 e as 20.00h. caeu tal cantidade de auga que alomenos 10 vivendas da Agra de Arriba, o Campo da Feira e a zona alta de Marqués de Figueroa se viron afectadas pola enxurrada que baixaba desde a parte da Rubiña.En dúas delas a forza da auga represada mesmo tirou dous muros. Á zona acudiron dous camións dos Bombeiros do Eume para tentar desatoar o desaugadoiro que pasa por baixo da estrada provincial. Alén destas incidencias, tamén houbo asolagamentos entre o Casal e o Outeiro, na estrada de Ferreira e noutros puntos do concello. Iso si, non houbo que lamentar danos persoais.

Sociedade

Publica o teu comentario agora