A Anpa de O Ramo meteu a primeira

A Anpa de O Ramo meteu a primeira
25 de Febreiro, 2021 - 01:52 h. | Publicada por Radio Fene

A ANPA do Colexio O Ramo de Barallobre implícase a fondo na vida do centro, complementando o traballo do profesorado, fomentando o comercio local a través de convenios ou creando o Banco Covid no que colaboran as familias. Fachendosos están da renovación levada a cabo no patio cuberto, hoxe cheo de cor e de xogos. O Ramo inaugurouse en 1979 con 648 alumnos e alumnas. Hoxe ten 143 e o vindeiro luns ábrese o prazo de preinscrición.

ESCOITA O PODCAST:

A ANPA do colexio O Ramo de Barallobre ten nova directiva. Empezou a traballar coincidindo co inicio do curso. Desde setembro non pararon de inventar e organizar actividades así como de mellorar e embelecer as instalacións. A presidenta, Magdalena Díez e o directivo, Fernando Fresnillo, fálannos nesta entrevista das actividades e dos convenios que levan a cabo con máis de vinte comerciantes feneses para enriquecer os servizo escolares. Ata un taxi colabora coa Napa de Fene. Unha nutricionista, unha avogada, a froitería A Lela, unha perruquería, e un longo etcétera. Os convenios supoñen un intercambio entre o centro e os comercios favorable a ambos.

Botando a vista atrás, a primeira xestión que tivo que afrontar a nova Napa foi a do ser-vizo “Madruga” un programa de conciliación polo que os nenos e nenas acceden ao centro desde as 7,30h ás 9,30h e no que realizan actividades lúdico-educativas. Chegou a ter 25 participantes pero os ERTE e o tele-traballo reduciu a actividade a uns 10 escolares. O número irá aumentando a medida que se normalice a situación sanitaria, afirma a presidenta da Napa de O Ramo, Magdalena Díez. Non pararon de inventar cousas desde aquela.

Tiveron castañas no Samaín; cabalgata en Nadal e sacaron fotos no Entroido, todo coas correspondentes decoracións e ambientacións do centro de Barallobre. No Nadal contaron coa colaboración da sociedade Liga de Amigos para montar nas súas instalacións o campamento de Nadal que reuniu a 17 familias, de novo coa intención de conciliar. Pero, quizás, do que máis orgullosos están é dos cambios realizados nos patios, “feos e grises” . A verdade é que teñen boas colaboracións dos pais e nais, porque hai avogadas, deportistas, etc, e tamén do profesorado. Empezaron polo pintado do patio cuberto e seguiron deseñando nel un circuíto infantil, un labirinto, unha mariola, o verme dos números. “Cando chegou o alumnado tras as vacacións de Nadal, levaron unha agradábel sorpresa” afirma Díez.

Para o futuro máis inmediato a Napa do Ramo ten outros proxectos para o patio dianteiro, a instalación dun rocódromo nun lateral, poñer en marcha o invernadoiro e os viveiros nas aulas e, sorpresa, “ao mellor incorporamos á familia escolar, puntualmente, algún animaliño”. Isto dino Díez e Fresnillo con todas as reservas.

Cultura

Publica o teu comentario agora