Antón Bao e Regina Polín revisan o estado das obras do campo de fútbol de Parga

Antón Bao e Regina Polín revisan o estado das obras do campo de fútbol de Parga

27 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Bao, xunto coa alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, visitaron hoxe as obras de acondicionamento do campo de fútbol de Parga e observaron o estado do campo de Guitiriz para avaliar as necesidades do mesmo e acometer unha actuación no estadio da vila chairega.

Cun orzamento de 66.000 euros, dos que un 45%, preto duns 29.000 €, correron a cargo da Deputación; un 15%, 10.000 €, saíron das arcas do Concello, e os 27.000 restantes foron postos pola saínte Consellería de Cultura e Deportes; procedeuse a acondicionar os vestiarios do campo de fútbol de Parga, que “se atopaba nun estado bastante deplorable”, segundo dixo Antón Bao. A nova instalación tivo un importante lavado de cara, xa que se lle cambiou o piso, as paredes, ademais das duchas, inodoros e lavavos e se dotou de dúas caldeiras para a auga quente. Ademais, habilitouse un espazo reservado para poder gardar o material e dous vestiarios para o colectivo arbitral.

 

Esta actuación é produto da colaboración entre o organismo provincial e o Concello, tal e como especificou o vicepresidente da Deputación, Antón Bao. “Isto enmárcase na liña de colaboración que temos establecida, tanto cos clubs deportivos da provincia de Lugo como cos Concellos para ir paulatinamente mellorando as instalacións deportivas, que creemos que é un elemento fundamental se queremos fomentar realmente o deporte, sobre todo entre as xeracións mais novas”, dixo Bao.

Pola súa parte, a alcaldesa guitirecense, Regina Polín, agradeceu o apoio da administración provincial e estableceu que só co cambio “de aires da Deputación se puido arranxar isto, porque levamos desde o 2003 pedindo, tanto para o campo de fútbol de Guitiriz, como para o campo de fútbol de Parga, e nunca tivemos ningunha resposta, nin ningunha axuda”.

Bao tamén indicou que se está a estudar a proposta de mellora das gradas do campo de Parga, aínda que ese proxecto “é unha cuestión que temos que analizar e ver en que orzamento nos movemos, porque é algo que está verde”.

Arranxos no campo de fútbol de Guitiriz

Pola súa banda, o responsable nacionalista provincial tamén anunciou un acordo co Concello para proceder ao arranxo das instalacións do campo de Guitiriz. O proxecto contará cun investimento de preto de 50.000 euros para cambiar o céspede, a valla perimetral, o rego e a construción dun campo anexo para adestramentos “que permita aos deportistas do concello de Guitiriz e aos practicantes do fútbol e tamén, sobre todo, a aquelas escolas deportivas de base e aos rapaces e rapazas que queiran practicar deporte, neste caso fútbol, que poidan contar cunhas instalacións adecuadas”.

A edil chairega, Regina Polín, tamén se referiu a este convenio e indicou que é unha actuación “que se precisa moito” e que “non o pedimos por pedir”, senón que foi “unha reivindicación de sempre que non estaba atendida e intentaremos que dentro dese apoio tamén se inclúa a reforma das gradas de Parga”.

Sociedade