As antenas, a máis de 300 metros de núcleos habitados

As antenas, a máis de 300 metros de núcleos habitados

09 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Colectivos veciñais esixen que se regule a instalación de antenas móbiles en base ao principio de precaución que establece que deben ubicarse a máis de 300 metros dos núcleos habitados. Para informar das normativas existentes neste ámbito celebran esta tarde as 20:00 horas un acto informativo no Multiusos de Chapela.

Ante a alarma social que xera este tipo de instalacións e o compromiso do goberno municipal de crear un regulamento propio, entenden que a futura normativa debería “ter en conta as recomendacións da axencia europea de medio ambiente e ter como referente as normas de emisión máis esixentes adoptadas por países como Bélxica, Italia e Austria”.

A presidenta da asociación de veciños de Chapela Angeles Méndez lembra que dende o ano 2005 levan presentado numerosas denuncias e reclamacións esixindo que sexan retiradas as antenas existentes na parroquia, unha na Avenida de Redondela en Riofrío preto do colexio de Angorén e outras tres na Avenida de Vigo, unha das cales tamén se atopa situada preto doutro centro educativo, o colexio de Laredo.

Afirman os colectivos de afectados, ecoloxistas e asociación de veciños que o único borrador do proxecto de normativa reguladora da instalacións de infraestructuras radioléctricas existente no concello “é ilegal, xa que non contempla a aplicación do decreto autonómico polo que se regula a avaliación de incidencia ambiental aplicable as antenas de telefonía móbil”. Engaden ademais que ese borrador lonxe de limitar a instalación de antenas “o potencia, someténdose aos intereses económicos das operadoras, chegando a instalar antenas no mobiliario urbano da cidade sen ningunha limitación por proximidades a zonas habitadas”.

 

Sociedade