Antoni Wit, dirixe esta semana a Filharmonía de Galicia

Antoni Wit dirixe esta semana a Filharmonía de Galicia
18 de Marzo, 2019 - 01:54 h. | Publicada por

A Real Filharmonía de Galicia ofrece este xoves, día 21 de marzo, o seu concerto semanal de abono na súa sede, o Auditorio de Galicia (Santiago), ás 20:30 horas. A batuta levaraa o mestre polaco Antoni Wit, que xa se puxo á fronte da orquestra en anteriores ocasións.

Antoni Wit

O programa leva por título "Ventos do Leste"  unha homenaxe aos grandes compositores polacos. Así, o concerto comezará coa Abertura da ópera Paria de Stanislaw Moniuszko (1819-1872), creador da ópera polaca. Nesta obra emprega motivos e danzas populares do seu país, como corresponde a un músico decidido a achegar o seu esforzo á causa nacional en tempos convulsos.
 
A continuación os músicos interpretarán a Sinfonía nº 3 do compositor austríaco Franz Schubert (1797-1828), que a escribiu aos seus 18 anos de idade, mentres daba clases na escola do seu pai.
 
O broche final da noite porao a Sinfonía en mi de Mieczyslaw Karlowicz (1876-1909), recoñecido como o mestre do poema sinfónico e o compositor máis representativo da Xove Polonia, movemento artístico baseado nas tendencias modernas do nacionalismo. Esta sinfonía, a máis ambiciosa de todas as súas obras, é coñecida popularmente como "Renacemento"; nela evoca a loita do espírito contra o destino, o camiño da traxedia ao triunfo.

A batuta de Antoni Wit  

Antoni Wit (1944) é un dos directores máis respectados de Polonia e un gran coñecedor da música polaca. Gañador en 1971 do primeiro premio no Concurso Internacional de Dirección Herbert von Karajan, foi axudante do mestre Karajan no Festival de Pascua de Salzburgo. Posteriormente traballou coas principais orquestras no seu país antes de asumir o cargo, durante doce anos, de Director Xeral e Artístico da Filarmónica de Varsovia, posto que ocupou até a tempada 2012-2013.

Cultura

Publica o teu comentario agora