Apágase a luz

Clausura este mércores en Fene da mostra “Poñendo luz á noite”
28 de Xaneiro, 2020 - 11:36 h. | Publicada por Radio Fene

A Casa da Cultura de Fene acolle mañá ás 20 h, a clausura da mostra "Poñendo luz á noite" que contará coa actuación de Humberto Basoa, e onde a artista Ana Basoa fará balance da mesma.

A sala de exposicións temporais da Casa da Cultura-Museo do Humor acollerá este mércores 29 de xaneiro o acto de clausura da exposición “Poñendo luz á noite”, da pintora fenesa Ana Basoa Rioboo (na imaxe). Será a partir das 20 horas e, nel, a artista fará balance do paso da mostra por Fene, unha selección de retratos, bodegóns, flores ou froitas.

O acto contará coa actuación de Humberto Basoa –guitarra e voz-. Humberto Basoa comezou a súa andaina no mundo da música nos anos 80 co grupo Abasto, grupo pioneiro na bisbarra. Ao longo da súa carreira como artista traballou en varias orquestras como Lumbre ou Lamas la Piña. Posteriormente, retornou á música pop co grupo “On the Bang” pero, trala tráxica morte dun dos seu compoñentes, o grupo desfíxose. Na actualidade continúa dando concertos en diferentes locais da comarca, onde os seus infinitos rexistros de voz e a súa mestría coa guitarra non deixan indiferente a ninguén.

A mostra pode visitarse ata este xoves, 30 de xaneiro, de 10 a 13 e de 16 a 21 horas.

Cultura

Publica o teu comentario agora