Aposta pola terraza

Aposta pola terraza
12 de Maio, 2020 - 12:13 h. | Publicada por Radio Fene

O Mesón de Feal, en Magalofes, reconvertirá parte do aparcamento privado do restaurante nunha terraza cunhas 5 ou 6 mesas que agardan abrir a finais de maio.

ESCOITA O PODCAST:

Probablemente a finais de maio abra as súas portas o Mesón de Feal en Magalofes (Fene). Están preparando todo mentres observan como reacciona a xente a esta primeira fase da desescalada. Optaron por instalar unha terraza que ocupará boa parte do aparcamento privado enfronte do restaurante. Casa Feal abriu as súas portas como tal no ano 1972 pero desde os anos 50 xa era tenda e casa de comidas. Da quinta xeración familiar é Diana Feal, quen nos informa da intención de abrir esa terraza, pendente da licenza neste momento, que integraría unhas seis mesas onde non se descarta que se sirvan comidas se é necesario.

No Mesón de Feal traballan tamén acondicionando o interior do local que acolle tres comedores. En total, co 50% do servizo, poderán contar cunhas 11 mesas que irán ampliando a medida que avance a desescalada. Colocararanse dispensadores por todo o establecemento, así como papeleiras de pedal e unha alfombra desinfectante na entrada. Entre outras novidades está a carta dixital.

Mirando atrás Diana lembra aquel día 13 de marzo “con moita dor” e desde aquela “pendentes da famosa curva”, e engade “sufrindo como todo o mundo e esperando a ver un pouquiño de luz”. Tiveron que anular moitas reservas. Primeiro os cocidos que aínda tiñan a esas alturas e despois as reservas do día do pai e das comuñóns. Queda algunha para xuño que está no ar. Mesón de Feal ten ao plantel nun ERTE mentres dura esta situación que agardan remate pronto. A ver se a finais deste mes poden abrir.

(Imaxe de Diana Feal)

Cultura

Publica o teu comentario agora