Aposta polo diálogo en Noa madeira creativa

Aposta polo diálogo en Noa madeira creativa
07 de Maio, 2020 - 10:25 h. | Publicada por Radio Fene

A Corporación de Fene acordou por unanimidade demandar o mantemento dos postos de traballo en Noa madeira creativa, pronunciarse contra a precarización das relacións laborais e apostar polo diálogo entre a empresa e os representantes do persoal. A sesión celebrouse por vía telemática por primeira vez na historia. Concelleiras e concelleiros participaron desde as súas vivendas cumprindo as medidas decretadas polo estado de alarma. 

Sesión telemática do pleno da Corporación de Fene

Aprobouse o pago de facturas atrasadas o que xerou un debate prolongado entre a voceira do PP Rocío Bértoa e o concelleiro de Facenda Manuel Polo. O edil nacionalista achacou ao anterior goberno popular de funcionar sen rigor orzamentario, aprobando actuacións sen consignación previa: "Vostedes tirábanse á piscina, encargaban obras sen partidas e logo chantaxeaban aos restantes grupos para pagar". Bértoa queixouse da falta de información das facturas que se traían a pleno, xa que no listado non se incluíu o nome dos provedores. Expresou a súa sospeita de que os pagos incluídos no expediente eran na súa maioría os mesmos que presentara o PP ao pleno en novembro, contando daquela co voto negativo do BNG, PSOE e EU.
Co voto favorable dos grupos de goberno, formouse unha comisión informativa dos asuntos do pleno que se reunirá os venres anteriores á cada sesión, mentres dure o estado de alarma. Dada a complexidade do funcionamento das videoconferencias, dese xeito agrúpanse as catro comisións informativas nun único organismo. O PP criticou a medida indicando que lle "parece excesivo restrinxir o labor da oposición a unha única comisión". "As comisións informativas teñen nove membros e podíanse reunir no salón de plenos gardando as distancias de seguridade" apuntaron os populares.
O pleno tamén aprobou un expediente de modificación de cretos por importe de 616.000 euros, nos que se inclúen 400.000 euros para abonar á empresa concesionaria do servizo de auga, en virtude dunha sentenza xudicial relativa á actualización de tarifas no período entre 2011 e 2015. A edil do Partido Popular Rocío Bértoa e o concelleiro do PSdeG PSOE Antón Noceda formularon unha completa relación de preguntas que os edís de goberno aseguraron que responderán por escrito. 

Institucional

Publica o teu comentario agora