Aprenderemos algo desta epidemia?

Aprenderemos algo desta epidemia?
15 de Abril, 2020 - 12:25 h. | Publicada por Radio Fene

Que a poboación se dea conta de que o gasto sanitario non é tal gasto, senón un investimento en saúde. É un dos desexos do doutor Manuel Martín, da Plataforma SOS Sanidade pública, para o futuro.

ESCOITA O PODCAST:

Aprenderemos algo?

“Non é nada seguro que a ensinanza que saquen as autoridades políticas desta crise do Covid19 sexa que a Sanidade pública cumpre un papel fundamental. A experiencia di todo o contrario”. Quen fala é o doutor Manuel Martín, membro da plataforma SOS Sanidade Pública. Explícanos que na crise económica de 2008 o que se fixo foi recortar, e moito, en camas hospitalarias e en persoal sanitario ( máis de 500 médicos e outras tantas enfermeiras). Agora resulta que non sobraban nin unhas nin outros e hai que montar hospitais de campaña. Que pasou en 2008? se pregunta e responde o doutor Martín, pois que cae o sector inmobiliario e o capital privado e os fondos “voitre” viron na sanidade un gran nicho de negocio. E sentencia  “Así foi e por iso hoxe as cousas son como son”. A esperanza de que a partir desta crise se reforce a sanidade pública está na xente que cada día sae aos balcóns a aplaudir, afirma Manuel Martín.

As batas brancas

Mentres as batas brancas se mobilizaban nas rúas e nos hospitais denunciando os tremendos recortes, nós mirábamos para outro lado como se non fora con nós. Nos últimos meses parece que empezamos a abrir os ollos cando comezaron a faltar médicos de familia e pediatras nos centros de saúde primaria. Quizás o peche do paritorio de Verín fose o punto e aparte que abriu os ollos da xente ao constatar a realidade dos recortes en sanidade. De feito o 9 de febreiro pasado a manifestación da sanidade en Santiago de Compostela foi multitudinaria e pódese dicir que por fín se afianzou a unidade entre os traballadores sanitarios e a poboación.

Epis

Con Martín falamos tamén dos equipos de seguridade nesta pandemia, das famosas epis, e el empeza explicando que o investimento na área de epidemioloxía non chega nin ao 1% do gasto sanitario. Como non había ningunha previsión dunha situación como esta, houbo que buscar recursos a presa e correndo. “E iso que tiñamos antecedentes como a gripe A por exemplo” afirma o doutor Martín. En relación cos hospitais de campaña que se montaron en Madrid e tamén en Galicia, Martín é da opinión que primeiro hai que poñer a pleno rendemento os hospitais públicos e os privados, baixo a tutela do goberno, porque son o lugar mellor preparado e apunta que o de Ifema en Madrid foi un desastre.

A curva

Manuel Martín recoñece non dispor de datos para afirmar que estamos xa en retroceso desta epidemia pero é optimista ao razoar que todas as epidemias, tarde ou cedo, desaparecen. Como conclusión, a charla con este médico da plataforma SOS sanidade pública, déixanos abertas tres ensinanzas para encarar o futuro:

As epidemias non desaparecerán porque o deterioro medio ambiental e o cambio climático van traer outras novas.

Que a atención primaria volva a ter a relevancia que debe ter en prevención, información e atención.

Que a poboación se dea conta de que o gasto sanitario non é tal gasto, senón un investimento en saúde.

“Que no se lo puedan llevar crudo las empresas multinacionales” conclúe Manuel Martín.

(Na imaxe, Manuel Martín, a cara e a voz da defensa da sanidade pública en Galicia)

Sociedade

Publica o teu comentario agora