Arrincan as obras de reurbanización da Rúa da Cruz Vermella en Arzúa

Arrincan as obras de reurbanización da Rúa da Cruz Vermella en Arzúa

26 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

Hoxe deron comezo en Arzúa as obras de reurbanización da Rúa da Cruz Vermella en Arzúa, o vial situado ao carón do Xulgado, entre as rúas Padre Pardo e a Avenida de Lugo. O goberno municipal investirá 80.075 euros no acondicionamento desta rúa, que foi incluída para o seu financiamento no Plan de Obras e Servizos

A empresa Canarga será a encargada dende hoxe mesmo de materializar un proxecto que imprimirá unha nova imaxe a este vial, plasmando unha nova visual de trazos moi similares aos das outras rúas do entorno. Na actualidade, a Rúa da Cruz Vermella presenta un estado moi deteriorado, sendo unha das máis transitadas do núcleo urbano xa que enlaza a Rúa Padre Pardo e as rúas adxacentes ao recinto feiral coa Avenida de Lugo. Estas circunstancias motivaron que o goberno municipal priorizara esta actuación para o seu acondicionamento a tenor de que na actualidade non conta con beirarrúas uniformes e as súa dimensións son insuficientes. Non existe unha definición axeitada das zonas de aparcamento nin dos carrís de circulación. A sinalización vertical é practicamente inexistente e non existe unha rede de recollida de pluviais no tramo da actuación.

O proxecto de reurbanización, que conta cun prazo de execución de 6 meses, permitirá adecentar o vial mediante un proxecto de urbanización similar ao aplicado nas demais rúas: contará cunha zona de aparcamento nun dos seus laterais e eliminaranse as barreiras arquitectónicas. Construiranse beirarrúas con bordo de granito e baldosa de formigón. A zona de rodadura cubrirase con aglomerado. Baixo a calzada canalizaranse tubos de PVC para saneamento e recollida de pluviais cos seus respectivos pozos e sumidoiros, facendo as conexións destas redes coas proceentes da Rúa Padre Pardo e Valle Inclán. Pavimentarase o firme e colocarase o mobiliario urbano que autorizou a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

O Alcalde de Arzúa, Xaquín García, sinalaba esta mañá que “con esta actuación dáse por concluído o acondicionamento das rúas adxacentes ao mercado municipal e ao centro de saúde, o que supón un paso moi importante de cara á consecución dunha vila máis harmónica e ordenada, como sempre foi o desexo do noso goberno”.

Sociedade