Arriva súmase á Semana Europea da Mobilidade

Arriva súmase á Semana Europea da Mobilidade

17 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Arriva Noroeste presentará unha proposta á Xunta de Galicia para establecer Noitebús todo ano, máis alá dos meses de xuño a setembro nos que actualmente presta o seu servizo. A compañía está satisfeita do funcionamento deste bus nocturno, máis alá dos incidentes puntuais ocurridos nalgunha ocasión.

A compañía ofrece descontos do 50 por cento -os dias 18,21 e 22 de setembro- a todas aquelas persoas que collan o autobus en Fene, en calquera das paradas da rota Maniños - Ferrol (as 8,00h, 8:45h e 9,10h) ou no, sentido inverso, na de Ferrol - Maniños (ás 13:30 h, 14:00h e 14,30h).

 

Segundo o director de desenvolvemento de Arriva, Javier Gilda, “nos últimos anos está diminuíndo o uso do transporte público na comarca”. Ademais, a situación é especialmente grave este ano porque “coa crise económica e coa perda de postos de traballo, a xente non pode viaxar”.

Aproveitando a participación da compañía na Semana Europea da Mobilidade, Javier Gilda reuniuse esta mañá co alcalde de Fene para tentar acadar solucións ao problema de falla de información sobre liñas e horarios nas marquesinas do termo municipal. Nunha entrevista en Radiofusión, o responsable de Arriva explicou que “o problema está en que se colocan os horarios e aos poucos días non están porque os arrancan ou tapan”.

Paneis electrónicos ou mupis publicitarios a carón das paradas, son algunhas das alternativas que Javier Gilda presentou esta mañá ao primeiro rexedor fenés para garantir unha información correcta aos usuarios do transporte público do concello.

Sociedade