Arte, diálogo social e rexeneración urbana en Ordes

Arte, diálogo social e rexeneración urbana en Ordes

12 de Xullo, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O Festival Internacional de Arte na Rúa DesOrdes Creativas arrancará o luns. Unha cita que se desenvolverá ata o domingo 20 de xullo e a través do cal muros, fachadas e edificios ben coñecidos na vila de Ordes van ser decorados con murais que nalgúns casos superan os 20 metros de altura. Cada ano danse cita unha coidada selección de artistas do panorama galego, nacional e internacional. O festival actúa como unha ferramenta de rexeneración

O centro da terceira idade ou o edificio consistorial serán algúns dos lenzos ofrecidos este ano. No caso do Concello o artista seleccionado para este labor é o estadounidense Axel Void, con obra espallada por todo o mundo e un auténtico referente no seu eido. Aryz, Sekone, Sr. X, Tayone, Minia, Nada e L.E.O. completan o cartel de convidados que este ano protagonizarán a que será a quinta edición desta iniciativa creativa.

Ademais o sábado 19 de xullo na sala Jatopús está prevista unha gran festa de despedida na que actuarán Mou Pinchadiscos, Croma e Suphacan Selector. Alí tamén se levará a cabo o sorteo das rifas que xa se están a vender en diversos puntos do Concello de Ordes co fin de obter beneficios destinados a financiar os murais do festival, coas que se poden obter lotes de obras gráficas de distintos participantes no DesOrdes Creativas, serigrafías de edición limitada ou un cadro.

DesOrdes Creativas está organizado pola asociación cultural sen ánimo de lucro Cultivarte e o estudio creativo Mutante, en colaboración co Museo do Traxe e o Concello de Ordes entre outras entidades e empresas.

Sociedade