Artistas do mundo expoñen en Lugo

Artistas do mundo expoñen en Lugo

05 de Agosto, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Sevilla, Suecia, Uruguai, Asturias, Pontevedra, Arxentina e Santiago son os lugares de procedencia dos artistas que participan na experiencia Estudio Aberto. O venres dia oito inaugúrase no Pazo de San Marcos en Lugo, unha exposición cos traballos realizados a través dun obradoiro conxunto e aberto.

A Rede Museística Provincial, dependente da área de Cultura da Deputación, organiza, por terceiro ano consecutivo, a residencia artística “Estudio Aberto”, unha iniciativa que se organiza dentro do proxecto Enredarte e que enmarca conceptos como a experiencia, a visibilidade e o compendio crear-compartir-participar; e que se desenvolve na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos ata o xoves 7 de agosto. A exposición cos traballos resultantes inaugurarase o venres 8 de agosto, ás 20.00 horas. 

Así, o delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, vén de recibir, xunto coa xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago; a directora do Museo de Lugo, Aurelia Balseiro; e a coordinadora do proxecto, Paula Cabaleiro; aos oito artistas, chegados dende distintas partes do mundo, que participarán na terceira edición de Estudio Aberto, que se completará cun programa de actividades con conferencias, saídas e obradoiros varios. 

Para acadar un proceso enriquecedor, tanto para artistas como para público, fíxose unha selección de artistas totalmente heteroxénea en canto a idade, formación, disciplina, orixe xeográfica, conceptos e vías de traballo, de maneira que vídeo, pintura, instalación, escultura, performance, debuxo, deseño e fotografía compartirán espazo, xerando sinerxias e colaboración.

Así, forman parte desta edición de Estudio Aberto: Ana Arregui (1983, Sevilla), Rubén Pérez Pombo (1985, Lugo), Anna Katarina (1976, Estocolmo-Suecia), Adriana Pazos (1971, Montevideo-Uruguay), Félix Carpio (1983, Gijón-Asturias), Basilisa Fiestras (1985, Pontevedra), Marcela Mastroianni (1985, Bos Aires-Arxentina), e María Xosé Domínguez (1967, Santiago de Compostela). Grazas á posta en marcha deste proxecto, os oito artistas seleccionados rigorosamente por un xurado de profesionais da arte, conviven nun proceso de creación dialogada a través dun taller conxunto e aberto.

Neste sentido, Mario Outeiro precisou que “os visitantes atoparán na sala de exposicións do Pazo de San Marcos, un espazo vivo, dinámico, en constante cambio, contedor de experiencias compartidas, que tomarán o público como axente activo das obras. Todo un proceso que culminará na montaxe dunha exposición colectiva coas obras resultantes”. 

“A área de Cultura da Deputación ofrece así unha plataforma artística para creadores de distinto carácter e de diversas disciplinas. En definitiva, un estudio aberto tanto para a sociedade como para outros artistas, así como críticos, comisarios e expertos neste eido”, concluíu o delegado.

Sociedade