A arxentina Julieta Mungo únese ao BAXI Ferrol 

A arxentina Julieta Mungo únese ao BAXI Ferrol 
09 de Xullo, 2020 - 10:35 h. | Publicada por Radio Fene

A xogadora arxentina Julieta Mungo comprometeuse co BAXI Ferrol para a próxima tempada. A xogadora, que ten de 22 anos e mide 1.83 metros, chega a Ferrol para dar o 100%. 

Vén de xogar a pasada tempada nas filas das Patatas Hijolusa de León, co que disputou máis de trinta minutos en todos os partidos, achegando unha media de 11 puntos e 6,6 rebotes. Julieta destaca por ser moi rápida e tanto pode xogar en posicións interiores como exteriores, xa que é moi versátil na cancha. A á-pivote, nacida en Buenos Aires, leva nas seleccións de base arxentinas desde que tiña 14 anos e agora xa está integrada na absoluta, ademais de ser unha integrante da selección que disputou o Mundial 3x3.

Julieta gañou a liga arxentina en dúas ocasións vestindo as camisetas do Berazategui e Quimsa. A xogadora destaca sobre a súa incorporación no equipo departamental que "decidín fichar no BAXI Ferrol porque é un club que ten os obxectivos moi claros, onde se traballa moito e onde espero crecer como xogadora". A xogadora é consciente de que neste equipo terá un obxectivo distinto ao da tempada anterior en León e comenta que "Si. Sei que BAXI estivo varios anos na Liga 1 e que busca ascender. Sexa cal sexa o obxectivo sempre vou dar o 100%".

En canto ao que pode achegar ao conxunto ferrolán, a bonaerense sinala que "creo que son unha xogadora vertical ao aro e que teño un bo tiro exterior e tamén me deixo a alma en cada defensa. Espero poder axudar ao equipo e render ao nivel esperado". Julieta Mungo convértese na décima integrante do plantel ferrolán para a próxima tempada, tras as renovacións de Patri Cabrera, Natalia Rodríguez, Sune Swart, Patricia Benet, Anniina Aijanen e Dynn Leaupepe e as fichaxes da valenciana Irene Garí, da arxentina Andrea Fenda e da canaria Laura Fernández.

Deportes

Publica o teu comentario agora