Arzúa, a capital galega dos produtos naturais

Arzúa, a capital galega dos produtos naturais

21 de Setembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

Feiractiva é un espazo vivo. Produtos ecolóxicos, medicinas alternativas, solucións de comercio xusto para atallar as prácticas de consumo prexudiciais coa Terra… Así até perto de 50 propostas volveranse a dar cita en Arzúa para amosarse, para que o público as vexa, as identifique, as poida catar, adquirir e incorporar á súa vida diaria. A sétima edición da Feira ecolóxica de Galicia celebrarase o 2 e 3 de outu

Ademais de poder mercar produtos e/ou servizos ecolóxicos, sostibles e a prol da biodiversidade haberá diversas demostracións en directo da elaboración dos mesmos. Deste xeito darase conta das posibilidades que ofrece esta alternativa ás propostas que manexamos habitualmente, ben sexa en coidado e saúde do corpo, en materia alimentaria ou de relación mesma coa contorna. 

Outras relacións comerciais, de sanación, do vestido e calzado e de alimentación son posibles na Feiractiva. Profesionais, artesáns, persoas con experiencia e con anos de formación ás costas poranas ao  alcance na maior Feira ecolóxica de Galicia.

Nesta proposta teñen un papel crucial as persoas que, dous días ao mes durante moitos anos, levan dinamizando o comercio de produtos locais da horta e da casa en Arzúa. Son as que participan nas feiras do 8 e do 22 e que teñen o seu espazo na Feiractiva xa que é unha mestura de saberes e procederes arredor do consumo para a alimentación, o vestido, o adubío e a vida en xeral.

A coidada selección de expositores/as para que as propostas coas que o público se atope sexan variadas e novedosas, a vontade de manter un equilibrio entre as demais actividades da Feira (teatro, música, exposicións, conferencias…) e o carácter familiar e aberto da mesma fan deste encontro unha cita a non perder no outono galego, ademais de constituir o único festival ecoloxista do país.

Participará un grupo de música, Clave de Sol, que obtén a enerxía para os instrumentos de placas solares fotovoltaicas. Estreárase  “Mañá será outro día” da compañía galega de clown “Os Sete Magníficos máis Un”, un espectáculo especialmente para nenos/as e de temática ambiental. Tamén destaca a presenza de cooperativas alimentarias. Todas estas actividades completan a ampla proposta da Feiractiva 2010.

Sociedade