Arzúa permanecerá sen subministro de auga potable o xoves

Arzúa permanecerá sen subministro de auga potable o xoves

21 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

O Concello de Arzúa anunciou esta mañá que o vindeiro xoves, día 24 de xuño, o subministro de auga potable aos domicilios de Arzúa permanecerá cortado dende as 9 da mañá e ata aproximadamente as 19 horas dese mesmo día, con motivo das obras de acondicionamento da Rúa do Viso. O portavoz municip

As obras de acondicionamento da Rúa do Viso comezaron a executarse a semana pasada pola empresa CANARGA SL, que dispón dun prazo de actuación de 6 meses. A obra implica a mellora do servizo de abastecemento da auga potable e da rede do sumidoiro separativo con reposición de pavimentos no que se investirán algo máis de 110.000 euros.

Precisamente, o estado de gran deterioro que presentan na actualidade estes dous servizos xunto coas innumerables fugas que se perciben son as razóns que teñen xustificado unha actuación deste calado, que o goberno municipal incluíu para o seu financiamento no segundo Plan E promovido polo Estado.

O feito de que sexa preciso cortar o subministro de auga potable á totalidade dos domicilios de Arzúa vén determinado porque por esta rúa non só discorre o abastecemento normal que dá servizo aos inmobles situados no seu carón senón porque por ela pasa o colector xeral que serve ao núcleo urbano e que se vai cambiar este xoves, día no que se producirá o corte do subministro dado que o colector actual é de fibrocemento e faise necesario a súa reposición por un de fundición, de moita maior calidade e adaptado ás necesidades actuais. Tamén se actuará na rede de sumidoiros, incorporando novos materiais, de maior diámetro e cun sistema separativo de augas pluviais e fecais. O obxectivo é evitar así as fugas e a posible contaminación do subsolo.

É por isto que se fai necesario proceder a un corte no subministro do servizo de abastecemento de auga potable mentres se procede á execución destas obras e ao cambio das canalizacións; unha actuación que, segundo Leonardo Bermúdez, “implicará unha mellora considerable na calidade do servizo da auga xa que se evitarán as numerosas fugas que se viñan producindo polo feito de existir nesta rúa unhas vellas canalización de fibrocemento que agora deixarán paso a outra máis modernas e seguras de fundición”.

A maiores destas actuacións, a Rúa do Viso tamén será sometida a un proceso de renovación e remodelación do seu alumeado público e do pavimento mediante un investimento de 169.944,85 euros.

Neste caso dotarase o servizo de alumeado de novos materiais, con cableado e lámpadas adaptadas ás necesidades actuais e con novos sistemas de execución, evitando así posibles accidentes e perdas de enerxía, impulsando o aforro e a eficiencia enerxética.

Tal e como xa se anunciou a semana pasada, as obras estanse executando por tramos coa finalidade de entorpecer o mínimo posible na actividade diaria dos veciños e co obxecto de facilitar ao máximo a circulación do transporte escolar na recta final do curso.

Finalmente, o voceiro municipal quixo agradecer a colaboración dos veciños que a bo seguro “saberán entender esta situación que aínda que agora poida ocasionar algún trastorno reportará grandes beneficios nun futuro próximo” e pediu desculpas polas molestias que se lle poidan ocasionar.

Sociedade