Arzúa renovará a imaxe do Parque Infantil nos vindeiros meses

Arzúa renovará a imaxe do Parque Infantil nos vindeiros meses

23 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

A Deputación Provincial da Coruña aprobará no Pleno do vindeiro venres, día 26 de xuño, unha partida de 57.484 euros, destinada a mellorar o estado actual do Parque Infantil de Arzúa, atendendo así unha petición efectuada meses atrás polo Goberno Municipal Arzúa, que lle enviara meses atrás un proxecto técnico para o acondicionamento e m

Segundo fixo público esta mañá o Alcalde de Arzúa, Xaquín García, a Deputación “dará o visto bo á nosa demanda o que supón que en poucos meses o parque infantil de Arzúa verá mellorada considerablemente a súa imaxe e o que é máis importante incrementará notablemente a seguridade dos máis cativos”.

O proxecto remitido dende a Alcaldía de Arzúa ten un custe total de 67.628,43 euros, o que supón que tendo en conta a achega da Deputación, o Concello debe contribuír con 10.144 euros das arcas municipais; un capital que o propio Alcalde considera que “é imprescindible aportar xa que se trata de mellorar un servizo que entendemos como fundamental para un sector de poboación do noso Concello” e engadiu ademais que “daremos así resposta a todos os veciños que nolo tiñan reclamado, ofrecendo unha área de xogos completamente renovada e coas garantías precisas para velar pola seguridade dos máis cativos, o que constitúe un dos principais obxectivos do noso goberno”.

Deste xeito e tal como consta no proxecto presentado polo Goberno Municipal e apoiado pola Deputación Provincial, a intervención que se proxecta para o parque infantil de Arzúa implica un acondicionamento integral do entorno coa finalidade de dar cumprimento ás normas de seguridade que establece o Decreto 245/2003, de 24 de abril, de seguridade nos parques infantís.

Na actualidade o recinto non conta con peche ou valla perimetral que impida que os menores poidan saír directamente á rúa, esta actuación, segundo o alcalde, “considérase prioritaria xa que non é plantexable o seu desprazamento”. Unha vez cercado a seguinte actuación consiste en dotalo dunha superficie ou chan brando sobre o que poidan caer os menores no uso dos elementos de xogo, permitindo a axeitada absorción de impactos podendo amortizar os golpes. Farase tamén unha incorporación de novos elementos de xogo xa que parte dos existentes encóntranse deteriorados e con difícil recuperación.

Xaquín García adiantou ademais que “con esta intervención pretendemos tamén facilitar o acceso de todos os menores con discapacidades de xeito que crearemos un acceso dende a feira facendo unha entrada no recinto por esta banda, non sendo preciso usar as escaleiras”. A actuación complementarase coa instalación de paneis informativos segundo o establecido no Regulamento.

Institucional