Asturias e CETAL sumarán esforzos para optimizar os seus recursos

Asturias e CETAL sumarán esforzos para optimizar os seus recursos

18 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Queixería Catadoiro de San Simón, en Vilalba, recibiu hoxe a visita do Viceconsejero de Ciencia y Tecnología del principado de Asturias, Herminio Sastre, e da directora técnica del Centro Nacional de Competencia Tecnológica de la Leche de Asturias (CNCT-LECHE), Celina Quirós. Acompañados polo director do Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (CETAL), Eduardo Vidal, os dous representantes do goberno observaron “in situ” o pro

A visita produciuse despois da reunión mantida polos emisarios asturianos con Eduardo Vidal na sede do CETAL, en Lugo. Na xuntanza puxéronse en común os puntos nos que se está a traballar desde ambas as dúas comunidades autónomas para mellorar a produtividade no sector agropecuario.

 

Vidal dixo que un dos temas abordados foi a optimización dos recursos das dúas áreas para poder resolver os problemas cun menor custe e mellores resultados. “Abordaremos diversos temas coa intención de que asturianos e galegos dupliquemos esforzos, máis non recursos, para resolver as nosas problemáticas”, apuntou o vilalbés, que explicou certas incidencias existentes en común en ambas as dúas áreas xeográficas, “e probablemente en todo o territorio español”, como pode ser a problemática da reutilización dos lácteosoros. Neste senso, comentou que a curto prazo Galicia e Asturias porán sobre a mesa os primeiros resultados dun proxecto en común iniciado hai máis de un ano sobre a revalorización destes subprodutos. Este estudo busca rutas de recollida dos residuos nas queixerías e un punto clave onde localizar unha planta que se encargaría do seu aproveitamento.

 

Para o director do CETAL este primeiro contacto “permitirá a suma de traballo, xa que estudaremos con técnicos as posibilidades de atopar un camiño de entendemento para solucionar a falta de aplicación de ciencia e tecnoloxía ao ámbito agroalimentario. Sumando esforzos entre Asturias e Galicia teremos a oportunidade de ser máis eficientes”.

 

Pola súa parte, o viceconsejero de Ciencia e Tecnología de Asturias, Herminio Sastre, estableceu que esta xuntanza pretendía “acadar un intercambio de impresións, co obxectivo de seguir coas colaboracións actuais e iniciar outras a futuro”. Sastre tamén admitiu que eran “conscientes de que abordar temas do sector agroalimentario require buscar a masa crítica de grupos de investigación, pero tamén dos centros tecnolóxicos e, sen dúbida, das experiencias obtidas en zonas próximas, onde a problemática e o entorno son moi similares. Abordar conxuntamente estes problemas, -asegurou Sastre-, é o principio fundamental da ciencia e da innovación. Deste xeito aproveitaremos os recursos, o persoal, as instalacións e os medios de ambas as dúas partes da forma máis intelixente posible”, rematou.

 

Sastre detallou, ademais, que pretenden desenvolver unha Fundación deste tipo, por iso tamén lles resultou produtiva esta reunión, porque lles permitiu coñecer de primeira man o funcionamento do CETAL.

Sociedade