A autovía Brión-Noia é a máis transitada da rede autonómica

A autovía Brión-Noia é a máis transitada da rede autonómica

19 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

O tráfico nas estradas autonómicas xerou uns ingresos de 300 millóns de euros en 2009, sendo a carga impositiva por litro de carburante de 48 céntimos de euro. Así o establece a Memoria de Tráfico presentada nesta xornada pola Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que celebrou o incremento do tráfico nas Vías de Altas Prestacións, entre as que máis usada foi a autovía Brión-Noia

Os niveis de intensidade do tráfico na rede de titularidade autonómica recuperáronse en 2009, se ben foron inferiores aos de 2007. A estatística mellorou pola posta en servizo da Autovía do Barbanza, do treito entre o Alto de Santo Domingo e a Autovía das Rías Baixas, e da autovía do Salnés, que agora escollen de cote uns 4.500 vehículos máis que cando abriu ao tráfico en xullo de 2008. O incremento máis significativo de densidade de circulación deuse na AG-53 entre Lalín e Ourese, que dende a finalización do eixo usaron 7.725 vehículos de media diaria no pasado ano.

A Memoria de Tráfico salienta a que a extensión da rede autonómica pasou de 4.450 quilómetros en 1998 a 5.400 ao remate de 2009. De igual xeito, o tráfico nese periodo aumentou en 330 automóbiles a súa intensidade media diaria no conxunto das estradas, situándose en 3.279. A Xunta salienta a diminución do tráfico pesado polas vías autonómicas, especialmente nas de altas prestacións, e que representa agora o 7,4 por cento do tránsito total.

Institucional