Avanza a pasarela sobre a vía do tren

Avanza a pasarela sobre a vía do tren
24 de Novembro, 2023 - 09:40 h. | Publicada por Radio Fene

ADIF e o Concello de Fene formalizarán un convenio para a construción da pasarela sobre a vía do tren en Perlío. Incluirá escaleiras e un ascensor na parte inferior. As dúas administracións co-financiarán a intervención que permitirá eliminar un paso a nivel utilizado na actualidade por moitos peóns, xa que é a forma máis rápida e cómoda de circular entre as dúas partes desta parróquia de Fene. 

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, mantivo no edificio da subdelegación unha reunión co alcalde de Fene, Juventino Trigo, para tratar diversos temas relacionados co municipio. Na reunión á que tamén asistiron a Directora da Área de Fomento, Ana Quintairos; o Xefe de Demarcación de Estradas, Ángel González; o Xefe da Área de Conservación, Francisco Prego; a Concelleira de Seguridade, Alejandra Permuy; o Concelleiro de Urbanismo e Obras, Manuel Polo e a Xerente do SEA, Beatriz Sestayo.
 A Subdelegada do Goberno e o alcalde de Fene trataron os avances no convenio entre o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias e o concello de Fene para a para a supresión do paso indebido do P.K. 33/910 na Liña Betanzos-Ferrol, mediante a construción a pasarela peonil sobre a vía ferroviaria. En 2022, tras o estudo de alternativas previo, o concello de Fene e ADIF acordaron a opción elixida conforme á análise técnica, consistente nunha pasarela peonil de 14 metros que remata nun dos seus extremos nun ascensor e escaleiras, no canto de ramplas, para minimizar a afección á contorna e as casas lindeiras.  Actualmente estase ultimando a redacción do convenio de colaboración previa á aprobación por parte dos dous organismos.
 No ámbito das estradas de competencia estatal, tras a mellora da seguridade viaria mediante a implantación dunha barreira de formigón no eixo da estrada N-651 no tramo das curvas de Santa Ana, nos PPKK 28+300 a 29+170, restableceuse o xiro á esquerda anteriormente existente mediante un carril central a pedimento do concello de Fene. O alcalde de Fene e os representantes da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, confirmaron que con estas actuacións diminuíuse significativamente a accidentalidade neste tramo de estrada que en épocas precedentes foi obxecto de varios accidentes con vítimas mortais.
Na reunión analizáronse as peticións do concello de mellorar o tramo urbano da N-651, ao seu paso polo municipio. O concello de Fene expuxo a necesidade de establecer un itinerario peonil seguro en ambas as marxes da estrada estatal N-651 entre os PPKK 29+200 e 30+100. Neste tramo, na actualidade, non existe unha senda ou plataforma reservada para a circulación peonil de modo que os peóns desta zona ven obrigados a circular pola beiravía.
Adicionalmente tratouse a posibilidade de instalar un novo cruzamento peonil seguro, mediante semáforos con pulsador, na contorna do actual cuartel da Garda Civil (PK 29+420 aprox.) así como avanzar na tramitación do proxecto de implantación dunha nova glorieta no PK 29+160, no tramo das curvas de Santa Ana. Pola súa banda, a Demarcación de Estradas estudará estas necesidades e propostas municipais, a fin de poder articular, conxuntamente co Concello de Fene, as posibles actuacións de mellora de seguridade viaria nesta zona
Tamén examinaron a situación do novo Centro de Saúde de Fene, que ten pendente a cesión de terreos por parte do SEPES, e a resolución e finalización da segunda fase do Polígono Industrial de Vilar do Colo.
Neste sentido a Xerente de SEA – SEPES,  Beatriz Sestayo, informou ao  concello de Fene a disposición para acordan vías de colaboración para a cesión de terreos de SEPES co fin de interese xeral para o concello de Fene.  Dentro de esta colaboración cobra especial protagonismo o estudo de cesión de terreos para a ampliación do centro de saúde de Fene, a tal efecto a Xerente de SEA propuxo manter unha reunión cos veciños e veciñas afectados por dita ampliación.
A representante de SEA trasladou tamén que levan tempo na recuperación das vías esquecidas dende hai anos, a fin de identificar o chan da Empresa Pública Fene, tanto par uso industrial como para uso de vivenda, impulsando tamén a urbanización da mazá Q do polígono industrial que a entidade pública ten no concello de Fene; nese senso a  avanzouse información sobre os pasos dados para resolvelo, entre outros, a identificacións das débedas existentes entre as administracións e as actuacións pendentes na zona de delimitación. De cara a seguir avanzando na resolución definitiva, propuxo que as actuacións se fagan a través de protocolos ou convenios de colaboración, e tamén invitar ao concello de Cabanas a que se sume naqueles temas que sexan afectados, como no caso do polígono industrial de Vilar do Colo. Finalmente a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e o alcalde de Fene, Juventino Trigo acordaron manter un seguimento dos asuntos tratados na reunión, celebrada na tarde de onte,  co obxectivo de ir avanzando na súa resolución.

Institucional

Publica o teu comentario agora