Axuda ao comercio local

Axuda ao comercio local
25 de Xuño, 2020 - 11:45 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Cabanas vén de presentar a campaña “Merca en Cabanas”, unha iniciativa que ten como principal obxectivo a revitalización do comercio e a hostalería local, despois de que esta se vise afectada pola crise da COVID-19. Sortearanse preto de 1.500 euros en bonos para mercar en Cabanas entre todas aquelas persoas que fagan un gasto mínimo de 100 euros durante o verán.

 

 

A campaña, na que participan unha corentena de establecementos de diversa índole (hostalería, supermercados, panaderías, aloxamentos turísticos, perruquerías, libraría....), celebrarase entre o 1 de xullo e o 31 de agosto, e premiará a fidelidade das consumidoras no comercio local cabanés. O Concello de Cabanas repartirá 7.000 trípticos, tanto a través dos establecementos participantes como na Casa do Concello e na Oficina de Información Turística. Por cada 5 euros de compra nos establecementos adheridos, selaráselles ás usuarias un espazo neses trípticos, até completar un total de 20 ocos en, cando menos, catro establecementos diferentes. Unha vez completados eses 20 ocos, entrarase no sorteo, que se celebrará no mes de setembro. Establécense tres premios principais de 200, 150 e 100 euros en bonos para consumir nos establecementos que participan na campaña durante o outono, así como tamén 20 premios adicionais de 50 euros.

O Concello investirá preto de 2000€ nesta campaña, que está deseñada de xeito que este investimento se multiplique e que o beneficio económico para o comercio local sexa moi superior, ao impulsar a venda local e o consumo de proximidade “Merca en Cabanas ten un dobre obxectivo: dunha banda pretende revitalizar o comercio e a hostalería locais, despois de verse afectadas pola crise económica derivada da pandemia da COVID-19, e por outra busca que tanto a veciñanza de Cabanas como a xente que nos visita coñeza a ampla oferta que temos no concello para facer as nosas compras”, sinalou o tenente alcalde e concelleiro de promoción económica, Iago Varela. Na páxina web do Concello de Cabanas, cabanas.gal, pódense consultar as bases da promoción e o listado actualizado de establecementos participantes.

Esta medida súmase á liña de axudas posta en marcha polo Concello de Cabanas para paliar os efectos económicos da crise da COVID-19, na que se destinaron 40.000 euros en axudas a persoas autónomas para facer fronte a gastos como o alugueiro de locais, gastos de xestoría, cotas da seguridade social ou nóminas de empregadas por conta allea.

Institucional

Publica o teu comentario agora