A axuda sustentable que os Reis e o Apalpador necesitan

A axuda sustentable que os Reis e o Apalpador necesitan
12 de Novembro, 2020 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

Achégase o Nadal e con el a compra de agasallos. Os xoguetes son un ben prezado nestas datas xa que ningún neno debería quedar sen eles. Por iso, dende 4 Eco Narón, poñen en marcha unha campaña un tanto peculiar para que todos os nenos teñan agasallos este ano.

ESCOITA O PODCAST:
Buzón de nadal de 4Eco Narón

Eles son os receptores das cartas que teñen que chegar ao Apalpador ou aos Reis. Margarita Rodríguez instalou unha caixa do correo na súa tenda para que todas os escritos que aí se depositen cheguen a boas mans.

Despois deste primeiro paso, dende a tenda seleccionan as cartas e buscan outras familias que poidan doar os xoguetes que se piden. É unha forma de darlle unha segunda vida aos bonecos, cociñas ou figuras de acción que todos temos na casa pero xa non utilizamos.

Ademais da marabillosa idea, dende 4 Eco Narón, tamén nos presentan xoguetes moitos máis sustentables xa que están feitos de tea ou bambú. Igual de funcionais, con prezos similares pero con máis duración.

Calquera pode participar neste 2x1, ademais de axudar a todos aqueles que o necesitan tamén lle botamos unha man ao medio ambiente. A solidariedade é algo moi necesario, non só en tempos de Nadal. Agora, gracias a 4 Eco Narón pódese facer de forma sustentable.

Sociedade

Publica o teu comentario agora