Axudas para os parques naturais

Axudas para os parques naturais

23 de Agosto, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

Un total de 108 iniciativas promovidas por particulares, comunidades de montes veciñais, asociacións, empresas ou concellos situados en parques naturais de Galicia ou nas súas áreas de influencia beneficiaranse das axudas xestionadas por Medio Rural para o desenvolvemento sustentable destes espazos e cuxa contía supera os 2 millóns de euros no período 2011-2013.

O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, deu a coñecer hoxe os pormenores da resolución destas axudas durante a súa visita ao Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, en compañía do director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón, entre outras autoridades. O do Xurés (na provincia de Ourense e fronteirizo con Portugal) é un dos 6 parques naturais declarados actualmente en Galicia, xunto cos do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán e Fragas do Eume (ambos na provincia da Coruña); O Invernadeiro e Serra da Enciña da Lastra (na de Ourense) e Monte Aloia (na de Pontevedra).

Beneficiarios
Os beneficiarios destas axudas, –financiadas con fondos propios da Xunta e tamén do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2007-2013 (cun cofinanciamento do fondo comunitario Feader)– son propietarios de terreos situados nun deses seis parques naturais ou na súa área de influencia; titulares de explotacións agrarias ou gandeiras que estean dentro dun destes espazos protexidos; comunidades de montes veciñais dun dos parques; empresas dalgún dos municipios en que se sitúa o espazo protexido ou concellos que teñan toda ou parte da súa superficie dentro dun parque.

O importe total destas axudas xestionadas desde Medio Rural ascende a 2.019.899 euros, dos cales máis da metade (1,1 millóns de euros, aproximadamente) corresponden a solicitudes presentadas por beneficiarios do Parque do Xurés e a súa zona de influencia (neste caso hai que ter en conta que este espazo protexido é o de maior extensión de Galicia).

A continuación, por contía das axudas recibidas, estarían o parque das Fragas do Eume (460.000 euros, en números redondos), Enciña da Lastra (cuns 174.000 euros), Corrubedo (162.000 euros) e Monte Aloia (preto de 60.000 euros).

Do total das axudas concedidas (108) a maior parte dos beneficiarios (57 en total) corresponden ao Parque do Xurés. Por número de axudas recibidas, a continuación estarían das Fragas do Eume (24); os de Corrubedo (15); os da Serra da Lastra (8) e os de Monte Aloia e O Invernadoiro (con 2 axudas cada un).

Por concellos, no Xurés reciben axudas os de Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños. Nas Fragas do Eume, os da Capela, As Pontes, Cabanas, Monfero e Pontedeume. Por último, naqueles parques que só abarcan territorios dun único municipio, as axudas a concellos son para os de Rubiá (na Enciña da Lastra), Tui (no Monte Aloia), Vilariño de Conso (no Invernadeiro) e Ribeira, no caso do parque de Corrubedo.

Iniciativas destacadas
Entre as iniciativas que reciben axuda con cargo a esta convocatoria cabe salientar, por exemplo, a rehabilitación da muralla do mosteiro de Monfero (proxecto presentado por este Concello coruñés, no parque das Fragas do Eume); as melloras nas zonas de esparexemento no entorno das capelas de Santa María de Riocaldo e San Bieito de Grou, iniciativa do Concello ourensán de Lobios (parque do Xurés) ou a creación e mellora de infraestruturas de uso público e acollida ao visitante, neste mesmo espazo natural, iniciativa presentada pola empresa Quinta da Viña Grande.

No seguinte cadro resúmense os principais datos destas axudas (importes e beneficiarios por parques naturais):

PARQUE    BENEFICIARIOS    IMPORTE TOTAL
XURÉS    57        1.128.383,37
EUME    24        460.261,9
CORRUBEDO    15    162.851,25
E. LASTRA    8    174.301,08
MONTE ALOIA    2    59.419,42
O INVERNADEIRO    2    34.682,25
TOTAL    108        2.019.899

Accións
Estas axudas, que xestiona a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, foron convocadas en xuño de 2010 e teñen como principal obxectivo fomentar accións como a mellora da paisaxe agraria; a limpeza e restauración de camiños; a sinalización; a creación e mellora de infraestruturas de uso público e de acollida ao visitantes; a preservación de hábitats e vexetación de ribeira; a conservación das poboacións de especies protexidas; a loita contra a erosión ou as accións e actividades de educación ambiental.

Sociedade