Búscase casa por Magalofes

Búscase casa por Magalofes
04 de Xuño, 2020 - 10:29 h. | Publicada por Radio Fene

Magalofes confía en poder celebrar a sardiñada de San Pedro, o 4 de xullo. Compensan así a suspensión das festas patronais no mes de abril.

ESCOITA O PODCAST:

Moita envexa despertan en Magalofes desde a pandemia. O confinamento fixo que o rural se revalorice e que a xente ande preguntando por casas para vender ou alugar no verán. Confírmanolo o presidente da asociación veciñal de Magalofes, Manuel Pico. Engade que “venda non se formalizou de momento, que se saiba”. A alarma sanitaria mudou moitas cousas, entre elas que en Magalofes se volveron a encender os fornos das casas para facer pan durante o confinamento. Outra novidade foi quedar sen as festas patronais de San Xurxo que debían celebrarse no mes de abril e que definitivamente non se farán ata o ano 2021. Pero mesmo entramos na segunda fase, abríronse as portas a cafetería do local veciñal, cun 50% de aforo no interior e a mesma proporción na terraza exterior. Afirma Manuel Pico que tivo moita aceptación porque a xente tiña ganas de verse.

O próximo obxectivo, a punto de entrar na terceira fase, é poder celebrar a sardiñada de San Pedro, o día 4 de xullo. A directiva da asociación veciñal está pensando en que as sardiñas se degusten ao aire libre, colocando mesas en toda a área que rodea o local social. "En principio non hai nada máis programado, agardando por ver a evolución que leva a desescalada". Desexan poder recuperar unha actividade que facían en anos anteriores e que consiste en degustacións de diferentes productos todos os venres no local social. Manuel Pico confesa que nunca traballou tanto como durante o confinamento, podando toda a plantación de camelias da súa propiedade.

 

 

(Na imaxe, homenaxe da AVV de Magalofes a Antón Pita. Maio 2029)

Cultura

Publica o teu comentario agora