Baila, baila, bailando vai

Fusion Dance acolle a perto de 200 bailarinas
07 de Outubro, 2020 - 10:54 h. | Publicada por Radio Fene

O baile pode ser competición pero tamén é diversión, exercicio físico e sociabilidade, afirma a profesora Laura Mosquera, propietaria da academia Fusion Dance de Fene.

ESCOITA O PODCAST:

“O traballo e a constancia son a fórmula do noso éxito” di convencida a propietaria e profesora da academia de baile Fusion Dance de Fene, Laura Mosquera. Ela mesma é un exemplo de disciplina que arrastra desde os tres anos. Con 18 fundou a academia. Desde que abriu as súas portas o éxito estivo asegurado e, a pesar de que este curso a causa da Covid19, baixou a matrícula, móvense entre as 150 e 200 alumnas. A pandemia obrigouna a pechar as portas pero sobreviviron coas clases online durante o confinamento, ata que no mes de xuño reanudaron as clases presenciais, cando tiveron o permiso. En setembro acaba de empezar o curso en serio na academia da Avenida Naturais nº 2 baixo de Fene. 

“O baile é desconexión, sociabilidade, exercicio físico, ritmo, coñecemento da música…” afirma Laura. Calquera baile é posible en Fusion Dance, a danza urbana co hip hop ou o baile moderno. No outro extremo está o ballet ou o vals. Imparten bailes latinos, Belly dance, zumba, acrobacias, etc.

O alumnado participa en competicións nacionais e internacionais. “Fumos ao campionato do mundo en Arizona con sete rapazas. Unha experiencia invalidable” . Este ano non podemos por culpa da Covid19. Está no aire que se celebre en febreiro pero quizás ata maio ou xuño non se reanuden as competicións internacionais. Para participar hai que pasar pola HHI de Barcelona onde só se clasifican tres grupos. “Para acudir ao campionato internacional, os gastos corren pola nosa conta” precisa Laura Mosquera.

E logo está a súa participación en eventos organizados polo concello e Fene como a fashion nigth ou o desfile do Entroido. “Ás nenas encántalles bailar na rúa diante dos amigos e coñecidos. Ademais sírvelles de rodaxe”.

Pero a Laura gústalle precisar que a academia non só pensa nas competicións. Ten cabida calquera persoa que desexe bailar por divertimento, para desconectar. Laura pon de exemplo o grupo de pais e nais denominado “premium”. Hai tamén un grupo de latino que o único que pretenden é aprender e pasalo ben. 

A academia Fusion Dance mantén aberta a matrícula durante todo o ano ata que se cubran as prazas que este ano son menos para cumprir o protocolo. Está aberta polas tardes, de 16 a 21 horas. 

Deportes

Publica o teu comentario agora