A bailar...no Círculo de Perlío!

A bailar...no Círculo de Perlío!

24 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Para xente á que lle gusta o baile, que quere praticalo e, á vez, facer exercicio, o Círculo de Perlío anuncia para o mes de abril o comezo dun novo curso de bailes de salón. As clases serán os xoves pola tarde. A actividade terá un custe de 15 euros mensuais para  os socios e 20 euros para os non socios.

Calquera persoa, con coñecementos previos ou non, pode anotarse a este curso de bailes de salón no Casino de Perlío. O monitor da actividade, Marcos García, adiantou a Radiofusión que os participantes probarán todo tipo de bailes, tanto latinos (chachachá, samba e pasodobre) coma estándar (vals inglés e vienés, tango e quickstep). A idea é “comezar cos pasos básicos para logo ir perfeccionando a técnica”, asegurou o responsable do curso.

Marcos García leva catro anos practicando baile deportivo. En tan pouco tempo conseguiu pasar da categoría F á categoría B na que compite actualmente. A próxima cita que ten o xoven bailarín será en Narón, o día 11 de abril, no noveno Trofeo de Baile Deportivo e de Competición.  Á par, tamén no mes de abril, comezará a impartir clases de bailes de salón no Círculo de Perlío. As persoas interesadas en anotarse deben chamar ao teléfono 696-356104.

Sociedade