As baixas pensións e a desigualdade en Galicia

As baixas pensións e a desigualdade en Galicia

15 de Xuño, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

A pensión media aumentou en Galicia un 1,9% en maio deste ano respecto ao mesmo mes de 2014, de forma que se sitúa en 747,03 euros, a segunda pensión media máis baixa de España. En total, o número de pensións en Galicia situouse en 748.957, o que representa un incremento do 0,6% con respecto ao mesmo mes do ano anterior, segundo datos do Instituto Nacional da Seguridade Social, do Ministerio de Emprego.

En canto á contía económica, as pensións medias máis altas en Galicia cóbranse na Coruña (787,54 euros) e Pontevedra (787,41 euros), seguidas das de Lugo (661,99 euros) e Ourense (646,35 euros). A pensión media de xubilación no Estado situouse en maio nos 846,11 euros, un 2,31% máis que o ano anterior.

Para facer fronte á desigualdade, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou a pasada semana a activación dun plan contra a desigualdade económica, incluído na estratexia de inclusión social, que  estará dirixido ás persoas que teñen ingresos económicos, pero ue teñen "moitas dificultades" para facer fronte aos pagamentos das facturas "a final de mes". O mandatario autonómico debullou algunhas das actuacións que se pretenden poñer en marcha e as cales se abordarán coas entidades sociais, e despois cos concellos e deputacións. Estas medidas obrigarán retoques presupostarios este ano e xa serán incluídos nas contas de 2016, cuxa elaboración comezará en xullo. As medidas serán transversais e, por exemplo, atinxen ao departamento de Vivenda, dende onde se impulsará un censo de vivendas baleiras dos bancos, fondos de inversión e o Sareb como primeira medida para poñelas a disposición de persoas en situación de desafiuzamento a través de axudas. Deste xeito, a Xunta iniciará un "proceso de diálogo" coas entidades bancarias. Así as cousas, o plan está anunciado mais aínda non conta con dotación.

 

Sociedade