A banca sempre gaña

A banca sempre gaña
17 de Novembro, 2018 - 09:47 h. | Publicada por Radio Fene

A Lotaria do Nadal devolve en premios arredor de seis euros por cada dez que recauda. Niso se basan os expertos en matemáticas para calificar ese xogo de azar "como un negocio ruinoso para a cidadanía". 

Os matemáticos din que, na lotaría, a ganancia esperada de calquera xogador é sempre negativa: mesmo aínda que unha persoa comprase todos os boletos dun sorteo, unha parte importante, entre un 30% e un 50%, nunca se repartiría. Se o que un quere é gañar diñeiro e a estratexia é comprar lotaría, "o mellor é investir cero euros", razoa Alfonso Gordaliza, catedrático do departamento de Estatística da Universidade de Valladolid. "Claro que, como sospeitabamos, o anterior suxire que xogar á lotaría ten un compoñente irracional", engade. Tan irracional que se adoita dicir que os xogos son un imposto do Goberno ao descoñecemento en matemáticas ou, como dixo Thomas Jefferson, é tan marabillosa que fai recaer os impostos "só naqueles que queren pagalos de boa gaña".

Sorteos como a Lotaría de Nadal apelan á tradición, ás relacións sociais, a valores de cooperación e a unha chea de cousas que non teñen tanto que ver con gañar diñeiro, aínda que ese sexa un elemento moi importante. O anuncio da Lotaría deste ano preséntanos a un cerralleiro malhumorado e insolidario que non é feliz, ata que "se da conta do valor de compartir". Pero á marxe diso, nin todas as lotarías son iguais, nin reparten os mesmos premios, nin da mesma forma (porque hai distintos niveis de concentración de premios). Mesmo nun mesmo xogo a porcentaxe de premios sobre as cantidades xogadas varía, ás veces de forma bastante significativa, segundo o ano do que se trate, aínda que a porcentaxe destinada a premios sexa sempre o mesmo. Isto ocorre polo efecto do azar, porque nunca se venden todos os números dun sorteo ou porque unha pequena porcentaxe nunca se chega a cobrar.

Nos sorteos da sociedade do Estado e os da ONCE, a porcentaxe de premios repartidos sobre cantidades xogadas varia desde o 66% nos sorteos de Lotaría Nacional (incluído o de Nadal, ao que se destina o 70%) até o 50% do cupón dos cegos. A recadación de Lotaría Nacional ascendeu a 8.917 millóns de euros.

Sociedade

Publica o teu comentario agora