Beiras fala do atraso económico de Galicia na UDC

Beiras fala do atraso económico de Galicia na UDC

11 de Abril, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

A Aula Magna da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña acollerá mañá, venres, 12 de abril, ás 12:00 horas, o acto de celebración do patrón deste centro, San Vicent Ferrer, presidido polo reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, e coa presenza do decano, Anxo Calvo Silvosa.

No transcurso deste acto o profesor Xosé Manuel Beiras Torrado pronunciará unha conferencia titulada O atraso económico de Galicia: corenta anos despois, en referencia ao libro publicado por Beiras en 1972. O conferenciante será presentado polo profesor da Universidade da Coruña Julio Sequeiros Tizón.

Máis de 100 alumnos de bachelerato visitan mañá o Campus da Universidade da Coruña.

Mañá venres, 12 de abril, desenvolverase unha nova xornada de visitas guiadas polos distintos campus da Universidade da Coruña, dentro do programa Visita o teu campus, o teu futuro, destinado a alumnado de Bacharelato para dar a coñecer a oferta docente e de instalacións da UDC. Na xornada do venres participará estudantado dos institutos de ensino superior Monte Neme, de Carballo, Alfonso X o Sabio, de Cambre, e Carballo Calero, de Ferrol, sendo un total de 107 alumnos e alumnas e sete profesores e profesoras.

A recepción deste grupo terá lugar ás 9:00 horas no Pavillón de Estudantes do Campus de Elviña, e se repartirá en varios subgrupos en función das distintas áreas de coñecemento (enxeñaría e arquitectura, artes e humanidades, ciencias sociais e xurídicas e ciencias e ciencias da saúde). Cada un deles desprazarase en autobús ás facultades e escolas vinculadas a estas disciplinas. A xornada prolongarase toda a mañá, ata as 14:00 horas, cun descanso de 30 minutos (10:30 a 11:00 horas) na Facultade de Dereito. A primeira hora visitaranse os centros dos campus de Elviña e a Zapateira e no segundo tramo da mañá os grupos dirixiranse a Riazor, Oza e Bastiagueiro, onde rematarán a xornada na Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación.
 

Sociedade