Beleza, emoción e verdade

Beleza, emoción e verdade
20 de Xuño, 2019 - 10:27 h. | Publicada por Radio Culleredo

Hai beleza, emoción e verdade no libro de Lucía Aldao “Todo isto antes era noite”. “A poesía flípame” confesa a escritora que presenta o seu primeiro volume escrito, despois de máis de vinte anos adicandose á poesía oral e a música. “Crieime no Bar de Juan, na rúa da Independencia, un auténtico espazo de liberdade” salienta antes de explicar a orixe do título do poemario: “Comendo un día con Xabier Cordal él díxome que nos empezamos a facer maiores, cando dicimos Todo isto antes era campo, e inmediatamente saltou a faísca do título do libro”.

ESCOITA O PODCAST:
Club de lectura de Radiofusión en Radio Culleredo

A seriedade molesta cando se prolonga máis de trinta segundos, afirma Lucía. “Como lectora agradezo as pingas de humor que teñen un compoñente lírico pero que nos moven da seriedade do poema” indica a integrante do dúo Aldaolado.

Sorna, retranca, rexouba, trasacordo e retrónica son as grandes variantes do humor galego, segundo o debuxante Xosé Lois González “O Carrabouxo”. Lucía Aldao práctica todas elas nos seus versos: “Droga por nós”, "Foi ben máis fácil chegar a ti que a este poema",  "que sabes os nomes dos mares que lindan con este poema",  "Mira, esa nube ten forma de poema que remata",  "Ollos verdes son traidores. Ponte ó rejo.", "Non é que che falte un verán, é que che sobra.", "si alguna vez amé, si algún día después de amar amé,/ foi nun after.", "Montáchela parda", "O poema empezou hai moito tempo./ Eu levaba o puño no corazón...", "O poema era un vestido baixo a pel…"  

Todo isto era noite, de Lucía Aldao. Poesía limpa, coidada, que flúe tan natural e iso non é senón sinal do traballada que está, tan honesta e verdadeira, é un regalo para @s amantes do xénero poético, segundo afirma Xosé Manuel Eyré no seu blog ferradura.

Cultura

Publica o teu comentario agora