Benedito XVI, fichaxe estrela e por sorpresa do Xacobeo 2010

Benedito XVI, fichaxe estrela e por sorpresa do Xacobeo 2010

03 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

Aleluia! Nin U2, nin Radiohead, nin Sonic Youth visitarán Galicia este ano, pero o Xacobeo 2010 xa ten a gran estrela do seu cartel, se cadra a máis acaída ao propósito inicial da conmemoración. O Papa Benedito XVI visitará Santiago de Compostela o vindeiro 6 de novembro, facendo escala na meta da ruta xacobea un día antes da súa visita a Barcelona, onde consagrará a Sagrada Familia. A Xunta e o Arcebispado compostelán tiñan confir

Alto segredo. Con esa categoría foi tratada a nova da visita de Benedito XVI a Galicia, que o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, xa coñecía o pasado xoves grazas a unha “comunicación reservada”. A de Joseph Ratzinger é a primeira visita dun Sumo Pontífice a Galicia co gallo do Ano Santo dende a de Xoan Pablo II no ano 1989. Chegará á etapa final do Camiño de Santiago como un “peregrino de fe e testemuña de Cristo resucitado”, segundo Julián Barrio. A súa presenza, servirá para renovar o “compromiso de cristianismo e europeísmo” da ruta, resolveu o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, outro dos que gardaba o segredo dende a súa visita a Roma este luns. A escala do Papa, para o titular da Xunta, é mérito de Galicia e un “éxito social”.

A data do 6 de novembro, cara o final do Ano Santo, case desbota por completo a posibilidade de que Benedito XVI viaxase a Galicia en 2011, coincidindo coa Xornada da Xuventude en Compostela e o aniversario da Catedral, unha opción que o arcebispo Barrio lle formulara tamén nunha misiva remitida o pasado mes de outubro á Santa Sede. Mais calquera ocasión é boa para recibir ao Papa, segundo o alcalde da capital galega, Xosé Sánchez Bugallo, e se coincide co Xacobeo, “mellor”.

Mais se alguén expresaba hoxe un gran entusiasmo pola nova data na axenda papal era o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, que recibe desta maneira un pulo importante á celebración do Xacobeo 2010. Varela referiuse a Ratzinger como “a guinda que faltaba”.

Os grupos políticos no Parlamento de Galicia celebraron a nova da visita de Benedito XVI sen entrar en consideracións relacionadas coa fe e si coa rendibilidade económica para Galicia. Socialistas e nacionalistas coincidiron en que a concesión do Vaticano non debera servir agora para agochar a eivas que detectan na celebración do Xacobeo 2010. O socialista Xaquín Fernández Leiceaga coida que o halo papal pode abondar para iluminar unha programación de eventos “con carencias”.

Non é bo negocio para a Xunta que a visita se produza na época postrema do ano, segundo o nacionalista Carlos Aymerich. O 6 de novembro, se o Xacobeo fracasou, “xa non hai Papa que o amañe”, declarou.

O voceiro dos populares no Hórreo, Manuel Ruiz Rivas, fixo un chamamento para que a oposición aforrase a crítica e se centrase no aspecto positivo da confirmación da presenza do Sumo Pontífice da Igrexa católica.

Sociedade