Benvid@s ao cole

Benvid@s ao cole

10 de Setembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Quique cumpreu 3 anos. No seu primeiro dia de escola agarrábase á perna do seu pai e non quería quedarse nun sitio que non coñecía e cunha señora que era a primeira vez que vía. Ocorreu hai tempo no Colexio Centieiras de Perlío (Fene A Coruña) pero a escena repetiuse de seguro esta mañá en moitos centros educativos de Galicia.

Un neno corría que se mataba esta mañán pola Avenida fenesa do Tarrío. Tería uns 8 anos , bermudas, polo , ben peiteado. Coa man tiraba dunha mochila desas de rodas, e corría e corría. A nai corría atrás del, os dous agobiados porque pasaba un minuto das 9 da mañán e non querían chegar tarde xa o primeiro dia.
Chegaron aínda á organización das filas distribuidas por cursos, á porta do colexio Centieiras. Cada mestre ou mestra atentos aos seus, para dirixilos ás novas aulas. Unha pancarta no hall de entrada, con letras e globos,  dáballes hoxe a benvida. Os pequenos e pequenas notaron os cambios nada máis entrar. As cores inundaban de ledicia a gran casa de todos, na que pasarán os próximos nove meses, aprendendo a ser homes e mulleres de ben. Benvid@s ao cole.

O Colexio Centieiras de Perlío- Fene-  é un máis dos que hoxe abrían as portas ao alumnado de Educación Infantil e Primaria. O centro amosaba unha cara nova ao empezo deste curso escolar 2010-2011.  A directora, Fátima Sánchez, amosounos a nova pintura nas aulas, os novos lavabos, as dobres ventás na fachada sur do edificio, os novos ordenadores, unha biblioteca remozada, os cadros que os pintores locais regalaron ao centro, a nova sinalización de seguridade en caso de evacuación...E, por suposto, presentounos aos novos alumnos do colexio e aos maiores, os de sexto curso que iniciarán en breve un novo programa na emisora de "As crónicas de Centieiras".

 

Sociedade