A Biblioteca Municipal de Fene e o Museo de Humor unen lazos de amizade

A Biblioteca Municipal de Fene e o Museo de Humor unen lazos de amizade

19 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Facer da biblioteca un lugar de dinamización cultural máis aló da lectura. Con esta vocación traballa Sonia Iglesias, a responsable da Biblioteca Municipal de Fene “Xosé María Pérez Parallé". Co propósito de abranguer todos os campos da cultura, a biblioteca realiza ao longo do ano talleres, títeres, monicreques ou contacontos enfocados na liña do teatro para nenos. Con estes alicientes renóvase o

O ano pasado o Museo do Humor e a Biblioteca Municipal xa traballaron á par con obradoiros de banda deseñada ou caricaturas. Sonia Iglesias pretende continuar nesa liña de colaboración e de intercambio entre ambos espazos para enriquecerse mutuamente. 

Arredor de 30 mil volumes agóchanse entre os andeis da biblioteca divididos en dúas zonas, a infantil e para adultos. Os nenos e nenas contan cun espazo colorido e divertido no que os libros se clasifican por cores segundo as idades. O azul destinado aos máis pequerrechos, o vermello aos que xa saben ler e o verde e amarelo para os máis maiores. Na zona de adultos pódense atopar exemplares de todo tipo de xénero, novela, teatro, poesía, enciclopedias e de materias concretas como psicoloxía, medicina ou zooloxía. Existe unha separación do libro galego e castelán aínda que nunha futura reorganización unificaranse porque o que predomina na elección do usuario é a temática do libro, apunta a bibliotecaria. O fondo procede de compras, de doazóns da Xunta, da Biblioteca do Patín da Universidade da Coruña e de contribucións de particulares. 

A novela gaña por goleada ao resto de xéneros nas preferencias do lector. Dentro dela requírense máis as últimas novidades, éxitos e bet sellers. A asignatura pendente segue ser o galego no que só teñen saída éxitos puntuais. No interese de ampliar os fondos noutras linguas, comézase a introducir narrativa inglesa, francesa e portuguesa. 

O proceso de informatización dos volumes relízase con lentitude pois resulta arduo e complicado. Ao ano inclúense no ficheiro informático mil títulos. Os recentes engádense a súa chegada pero cos fondos antigos o proceso vai paseniño.

A Biblioteca Municipal de Fene conta na actualidade cuns 5 mil carnés de socios aínda que a cifra redúcese ao milleiro si falamos de usuarios activos. A muller é a que máis bota man das posibilidades que lle ofrece a biblioteca. Consume máis lectura e tamén achega aos fillos ao mundo dos libros.  

A media diaria de persoas que pasan pola biblioteca de Fene é dunhas 60. Unha gran maioría, adolescentes para navegar pola rede ou chatear. Logo está o lector fiel que cada pouco visita os andeis na procura dun exemplar para o seu tempo de lecer. As novas tecnoloxías acadan maior protagonismo na biblioteca que se adapta ás novas demandas do mercado con naturalidade e sempre con vocación de potenciar a cultura.

Cultura