A Biblioteca Provincial de Lugo pechará por obras os próximos 12, 13 e 14 de marzo

A Biblioteca Provincial de Lugo pechará por obras os próximos 12, 13 e 14 de marzo

11 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

As obras de mellora do edificio da Biblioteca Provincial de Lugo son o motivo principal do peche das súas instalacións a partir de mañá e que durarán ata o día 16 de marzo. Nestes momentos só viñan funcionando as seccións de “Consulta”, “Internet”, “Hemeroteca” e “Sección infantil”, pero estarán pechadas ata o vindeiro luns.

Os traballos que se están a efectuar na Biblioteca comprenden a mellora dos aseos, coa reposición de alicatados e sanitarios e a nova instalación de fontanería e saneamento, a instalación de climatización, a renovación da instalación eléctrica, a substitución de celosía de tubos metálicos por falso teito acústico, o acondicionamento e reparación de cuberta e baixantes, a construción de escaleira exterior de evacuación, a colocación de novas portas de emerxencia e de garaxe, e a instalación de grupo electróxeno.

O seu orzamento é de 1.615.199€ e a súa duración ten unha previsión de doce meses. As obras están sendo realizadas polo Ministerio de Cultura, titular da instalación que é xestionada pola Xunta de Galicia, co fin de que a Biblioteca provincial de Lugo poida ofrecer aos usuarios unha imaxe actual e prestar servizos acordes coas necesidades dos lectores.

Sociedade