Blanca Marsillach trae a Ferrol unha cínica comedia

Blanca Marsillach trae a Ferrol unha cínica comedia

12 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Blanca Marsillach trae a Ferrol este sábado unha retorcida e cínica comedia, Buscando a Hilary. A obra dramática está chea de situacións divertidas, mentras a protagonista loita por atopar o camiño de volta á cordura. En definitiva, unha historia sobre unha muller que afronta os conflictos e que loita por cambiar. Todo un reto por liberarse da abrumadora posesión do seu propio ego.

A Concellería de Cultura de Ferrol que dirixe a edil Mercedes Carbajales trae o sábado 14 ao Teatro Jofre a obra “Buscando a Hilary”, de Elisa Varela, a cargo da compañía de teatro de Blanca Marsillach e de Varela Producciones Multimedia. O espectáculo dará comezo ás oito e media do serán e os prezos das entradas serán de 6, 12 e 15 euros segundo a localización das butacas. Os pases están xa dispoñibles, para todas aquelas persoas que desexen asistir, na taquilla do teatro, cuxo horario de apertura é de luns a venres de 11 a 13 horas polas mañás e de 18 a 20 polas tardes (ata as 20.30 o día da función), e tamén a través da páxina web www.ferrol.es/jofre, para o cal unicamente é preciso inscribirse como usuario.

 

Na obra, Hilary, unha avogada de éxito, está estancada nun punto decisivo da súa vida. Ela sospeita que existe unha forma mellor de vivir e que xustamente non pode ser o que ten sido ata agora. Uns pensamentos que inician o proceso de espertar ao coñecemento de quen é ela realmente. E mentres loita por atopar o camiño de volta á cordura, está confrontada co seu propio auto demo e ego, Wilpuck. Este vive coa ilusión de que pode decirlle a Hilary que é o correcto ou o equivocado. Todo nun esforzo por controlala, ensinándolle o que ela é ou non é, como debe actuar ou non actuar. Sempre engadindo medo e dúbida a cada unha das decisións da protagonista. Mais, con todo, Wilpuck é un problema que só a propia Hilary pode resolver.

 

Desta maneira, Elisa Varela pretende presentar, dun xeito sen dúbida orixinal, as crises existenciais dunha muller que triunfou pero que non se sente satisfeita da súa vida. E outra das peculariades que o público ferrolán poderá comprobar é como os pensamentos da protagonista, encarnada por Blanca Marsillach, cobran vida e se convirten en personaxes. Wilpuck é interpretado por Fran Sariego, quen completa o reparto con Miguel Foronda, actor que dá vida a varios personaxes nesta obra, dirixida por Esteve Ferrer. Unha comedia dramática chea de situacións divertidas, que interpreta maxistralmente este elenco de actores.

 

No caso da protagonista, Blanca Marsillach empezou no mundo do teatro da man do seu pai Adolfo Marsillach na obra “Matahari”. Continuou facendo teatro clásico en “La Celestina” e “La Dama Boba”, e colaborou en series de televisión e películas de cine, chegando a protagonizar “Os señores do Aceiro”, xunto a Rudger Hauer e dirixida por Paul Voerhoven.

 

Finalmente, Mercedes Carbajales animou ao público ferrolán a asistir o vindeiro sábado 14 ao Teatro Jofre para desfrutar desta atractiva e orixinal historia.

Sociedade