Blanco Villar e Alejandro Paleo apadriñan a VII Ruta Monseiban de BTT

Blanco Villar e Alejandro Paleo apadriñan a VII Ruta Monseiban de BTT

14 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Os membros do Xacobeo Galicia, Jesús Blanco Villar e Alejandro Paleo, foron os padriños da VII Edición da Ruta Monseiban en BTT, organizada polo Club Ciclista Vilalba-As Pontes e presentada hoxe en Vilalba e que forma parte da Copa Galega de Cicloturismo. O día escollido para percorrer os 60 quilómetros dos que consta a marcha será o vindeiro domingo 19, e dará comezo ás 9.30 horas.

O exciclista profesional e actual director deportivo do Xacobeo Galicia, Jesús Blanco Villar, considerou “unha boa nova” que existan actividades deportivas coma esta, xa que, para o de Rois “o BTT é unha modalidade do ciclismo moi divertida, que incluso o empregamos no equipo para desconectar e coller un pouco de forma ao comezo da tempada”. Blanco Villar tamén considerou a bicicleta de montaña como moi válida “a nivel de afeccionado”, aínda que pode ser mais “técnica” co de estrada, pero tamén “é máis divertida”.

O seu pupilo, o ciclista profesional vivariense do Xacobeo Galicia, Alejandro Paleo, tampouco quixo deixar a oportunidade de “apoiar iniciativas como a Ruta Monseivan”, á que lle augurou un excelente presente e un bo futuro, “se leva sete edicións é que debe ir ben e irá ben”, opinou o deportista lucense. Paleo analizou despois o percorrido, que conta cun perfil “moi bonito, completo e esixente, pois ten tramos rectos, unha subida importante e tamén boas baixadas, ideal para pasalo ben e facer unha boa xornada deportiva”.

O alcalde da Vila, Gerardo Criado tamén contribuíu ao apoio coa súa presenza no acto e ve nesta iniciativa do Club Ciclista Vilalba-As Pontes, “unha proba que axuda a promocionar o deporte en xeral e o ciclismo en particular”. Criado tamén tivo palabras de recordo para o principal patrocinador da ruta, Lactalis, e deu a benvida ao seu novo responsable, sen esquecer ao saínte, Daniel Führer.

Cun percorrido esixente, de grado medio-alto de difilcutade, o perfil da etapa ten un desnivel acumulado de 1.180 m., sendo a subida ao Coto de Monseiban, de 940 m. de alto, o punto forte da xornada. O día tamén contará cun tramo de percorrido libre de 3 quilómetros no Río Arnela, onde se fará unha parada para alimentarse. Este tramo libre conta cun desnivel medio do 10%, alcanzando o 20% nalgún tramo. Polo demais, a ruta a seguir dará comezo na propia capital chairega contra as 09.30 horas e collerá o camiño de Santiago ata Martiñán, percorrendo Castro Maior, o Río Arnela, a subida polas ladeiras do Monseivane ata a cima para despois baixar ata Samarugo, onde estará o segundo avituallamento. Posteriormente se volverá ata Vilalba, xa por tramos que combinan estrada e terra. Unha vez rematada a marcha está programada unha comida no restaurante “Nova Ruta”.

Nesta proba poderán participar aqueles ciclistas que estean federados, aínda que existe a posibilidade, para aqueles que non o estean, de facer unha licencia federativa provisional, válida para un día, que habilite ao ciclista afeccionado para participar. O organizador e presidente do C.C. Vilalba-As Pontes, Emilio López Collazo, adiantou que a participación roldará os 150 deportistas, aínda que polo de agora hai 80 apuntados.

Para aqueles que desexen loitar contra a fatiga e probar a súa valía como ciclistas de montaña o prazo de inscrición estará aberto ata o mesmo domingo ás 9.00 horas. Para poder apuntarse pode recorrerse á páxina web www.ccvilalba-aspontes.es. O custe será de 15€ e incluirá a comida no restaurante Nova Ruta, un recordo conmemorativo, un seguro de responsabilidade civil, asistencia mecánica, servizo de ambulancia e lavado de bicicletas e vestiarios con ducha. Tan só se consideran inscritos os que pagasen mediante transferencia bancaria á conta de Caixanova nº 2080 0200 47 0000028336. O comprobande debe enviarse á dirección do Club, C/Campo de Puente, 26, 27800, Vilalba ou btt@ccvilalba-aspontes.es, xunto coa copia da licencia en vigor e o DNI. Para maior información pode chamarse aos teléfonos 637 832 701 e 645 699 353.

Deportes