Boiro reencóntrase co seu pasado arqueolóxico

Boiro reencóntrase co seu pasado arqueolóxico

25 de Febreiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

Este sábado arranca na Casa da Cultura de Boiro a V Edición dos Encontros Arqueolóxicos no Barbanza, que vai traer á localidade do Barbanza a 15 especialistas que van a disertar sobre diversos aspectos relacionados co patrimonio arqueolóxico. Esta V edición vai a facer especial énfase na presentación de proxectos de novos equipamentos culturais do ámbito patrimonial (museos, parques arqueolóxicos, centros de interpretación,

No encontro, presentaranse algúns dos proxectos máis mediáticos nos últimos meses, como é o plan especial para o Castro de Baroña, que supón un referente no ámbito da cultura castrexa. Tamén se presentarán a posta en marcha de novos equipamentos dependentes das distintas administracións, e o desenvolvemento de intervencións arqueolóxicas por entidades culturais de referencia en Galicia.  

O domingo contarase coa presenza de tres figuras de relevancia internacional, a apertura da xornada será a cargo do co-director das escavacións do xacemento arqueolóxico máis importante de Europa pola cantidade de restos fósiles recuperados, Atapuerca, e premiado xunto cos outros dous co-directores, co Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica y Técnica de 1997, e actualmente director do Centro Nacional de Investigación sobre la Evolución Humana, o Dr. José María Bermúdez de Castro. A continuación terá lugar a disertación sobre a minería prehistórica en Asturias a cargo do profesor e catedrático de prehistoria da Universidade de Oviedo, Miguel Ángel de Blas Cortina. O peche das xornadas serán a cargo do ex-profesor da University of Bristol (Inglaterra) e dende xaneiro deste ano, profesor de investigacións da Institució Catalana de Recerca i Estudis Avançats, vinculado a Universitat de Barcelona, e especialista sobre a relación entre as especies de homínidos neanderthal e sapiens.  

Formalizaron a matrícula 191 persoas procedentes das catro provincias galegas, así como un nutrido grupo de asturianos, leoneses e do norte de Portugal, entre outros.

Para o acto de apertura está previsto a presenza da Deputada Provincial Caridad González Cerviño, responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, que apoia economicamente a actividade dende a primeira edición en 2007. Así mesmo, agárdase a presenza dalgún representante da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, que acompañarán aos representantes locais capitaneados polo alcalde, Xosé Deira Triñanes, xunto con algún dos membros do comité organizador.

Cultura