Bota a andar a “marcha negra” contra o decreto do carbón

Bota a andar a “marcha negra” contra o decreto do carbón

12 de Outubro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

As Pontes e Cerceda manifestaranse o sábado 16 perante a Delegación do Goberno en Galicia, na cidade da Coruña, reclamando compensacións polos efectos que o decreto do carbón terá na economía das comarcas que lle dan abeiro ás centrais de Endesa nas Pontes e de Gas Natural Fenosa en Meirama. A concentración será a etapa final dunha mobilización que baixo o alcume de “marcha negra” partirá ma&ntil

O rexedor pontés, o socialista Valentín González Formoso, convocaba o acto de protesta na xornada de onte dende o pazo consistorial no que aínda manteñen o seu peche o colectivo de camioneiros afectados pola posible paralización da actividade na central térmica. Baixo unha pancarta na que se podía ler “Nós tamén somos mineiros”, o Alcalde manifestou que, ao igual que dende Asturias ou León os mineiros reclamaron un decreto que resulta beneficioso para os seus intereses económicos, a industria galega “non pide máis, pero tampouco menos”. 
Ademais, González Formoso tamén adiantou a disposición dos gobernos d'As Pontes e Cerceda de que o recurso contencioso-administrativo que tiñan pensado presentar contra o decreto do carbón no Tribunal Supremo se faga conxuntamente co preparado pola Consellaría de Industria. As coincidencias entre os argumentos xurídicos que permitirían a acción unitaria estudarase nunha xuntanza entre representantes da Xunta e dos concellos gobernados polo PsdeG mañá mércores.
Tamén en relación con este asunto e como apuntamento curioso, cómpre salientar a intervención divina que o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, e o bispo de Mondoñedo-Ferrol, Manuel Sánchez Monge, solicitan nesta crise da industria do carbón en Galicia. A través dun comunicado conxunto piden ao Apóstolo Santiago que “se chegue pronto a solucións xustas” para os traballadores e as empresas afectadas polo decreto. “Ante o perigo de perder os seus postos de traballo, queremos expresarlles a nosa proximidade e apoio a eles e ás súas familias”, declaran os relixiosos. 
Sociedade