Botando luz sobre o noso pasado

Botando luz sobre o noso pasado
23 de Xaneiro, 2024 - 12:01 h. | Publicada por Radio Fene

Saen á luz interesantes achados sobre algúns dos primeiros poboadores da comarca de Ferrolterra. Os primeiros resultados da escavación feita o pasado verán no Castro de Esmelle amósanse no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol, na exposición “Orixes II”. “Uns achados moi interesantes”, declarou a Radio Fene o coordinador da Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial e director científico desta primeira campaña de escavacións, Juan Luis Montero Fenollós.

ESCOITA O PODCAST:

“So é o principio dun proxecto que debería ter un longo percorrido”, advirte o profesor. Os achados da primeira campaña de escavacións, son pequenos obxectos da vida cotiá que demostra “contactos tanto co norte de Portugal como con Andalucía, a zona Bética”. Atopáronse cerámicas, tamén obxectos de pedra e de ferro, un molde para fundir pulseiras… “pequenos obxectos que achegan o modo de vida deste poboado que situamos entre a Idade de Ferro e a época galaico-romana”. Os restos atopados dan información do modo de vida de quen habitaron este asentamento que estivo poboado, polo menos, desde a Idade de Ferro ata a época galaico-romana. Entre o século IV antes de Cristo e o século I despois de Cristo. Pero quedan aínda moitas preguntas por responder. “Escavamos unha parte moi pequeniña. O Castro ocupa unhas dúas hectáreas e só escavamos 40 m2. Tamén atopamos estruturas, muros que aínda entendemos mal. Hai que seguir escavando para entender mellor”. As escavacións comezaron na zona baixa do Castro, é posible que sexa algo relacionado coa porta de acceso, explicou o profesor Montero Fenollós. Xa están a deseñar a vindeira campaña, para o mes de xullo. Mentres, ata o 17 de marzo podemos ver no Centro Torrente Ballester o resultado destes primeiros achados. 

Sociedade

Publica o teu comentario agora