Buenafuente: especial baloncesto (La Sexta, 00 h.)

Buenafuente: especial baloncesto (La Sexta, 00 h.)

18 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

No bicentenario de Charles Darwin resulta triste que haxa creacionistas que neguen as teses da evolución das especies. Haberá quen non confíe na existencia de xirafas sen pescozo que tiveron que estirar como os cisnes para coller follas do alto das árbores, ou que desboten que os monos, que rascan o cú e sacan os piollos igualiño

Collería Darwin a Liga ACB, que cumpre 25 anos e recibe unha homenaxe en “Buenafuente”, e exemplificaría como os humanos non permanecen invariables. Nos inicios do campionato profesionalizado da canastra, xogaba un galego de nome Fernando Romay, agora reconvertido en 'showman' televisivo, longo como un día sen pan de 213 centímetros e de movementos que, de tan torpóns, farían segregar saliva a un especialista en ortopedia. Pasaron os anos e, co intermedio do xigantesco Dueñas, asomou a cabeza nas canchas Pau Gasol, un centímetro máis alto que Romay, pero cunha habilidade física que non teño eu, que camiño medio metro máis preto do chan que el. Nun cuarto de século, o pívot baloncestístico español pasou de non poder saltar a ser un 'All Star' que sabe cruzar o balón entre as pernas mentras corre.

 

Testemuñas da prehistoria humana foron Juan Antonio San Epifanio e Juanma López Iturriga, tirador letal e palomero profesional respectivamente, que puideron reproducirse malia vestir pantalonciños que de tan curtos e estreitos encollían as gónadas por presión ou, no caso dos espectadores, por simple observación. Hogano, noutra demostración de que o cerebro humano é unha ferramenta que se perfecciona, os calzóns xigantescos e caídos son seña de identidade do 'basket'. Se cadra non falan destas teorías propias de Darwin, pero abofé que Epi e Itu o farán da nova edición da Copa do Rei de baloncesto esta noite en 'Buenafuente', onde participan como convidados a partir da medianoite en La Sexta.

 

Sociedade