Burela celebra a Semana Europea da Mobilidade do 16 ó 22 de setembro

Burela celebra a Semana Europea da Mobilidade do 16 ó 22 de setembro

15 de Setembro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

Desprázate de forma eficiente: mellora a túa mobilidade, é o lema da Semana Europea da Mobilidade que se desenvolverá en Burela do 16 ao 22 deste mes de setembro. Un circuito da Dirección General de Tráfico, será unha das novidades da cita deste ano que presentaba no Concello a responsable de Medio Ambiente, Patricia López Eijo, acompañada por unha monitora de Gaia, pola técnico de Medio Ambiente e pola concelleira de Deportes, Beatriz Pi

A edil de Medio Ambiente explicou que “o lema elexido para este 2011, Desprázate de forma eficiente: mellora a túa mobilidade, está relacionado cos obxectivos marcados pola Unión Europea para o ano 2020 coñecidos como a incicativa 20/20/20 (diminuir un 20% o consumo de enerxía primaria e as emisións de gases de efecto invernadoiro e aumentar o 20% a contribución das enerxías renovables)”.
A Concellería de Medio Ambiente programou unha serie de actividades, que se desenvolverán ao longo dos vindeiros días, e nas que colaboran distintas asociacións de Burela.
 
Patricia López Eijo, na presentación do programa, subliñou as novidades das que poderán disfrutar os veciños de Burela do 16 ao 22 de setembro, “haberá un circuito da Dirección General de Tráfico, que estará instalado no Pavillón dos Institutos durante todos eses días. Polas mañás durante a xornada escolar distintos colexios, institutos e asociacións disfrutarán de dito circuito con karts eléctricos. A fin de semana o circuito utilizarase para karts, podendo acercarse todos aqueles nenos/as entre 9 e 14 anos que o desexen. O resto das tardes o circuito empregarase para bicis, monopatins, triciclos, etc”.

Outra das novidades desta Semana da Mobilidade “é que ao longo de toda a semana poderase disfrutar de diversas actuacións musicais na Praza da Mariña, gracias á colaboración de distintas asociacións musicais de Burela coma Batuko Tabanka ou a Banda de Tambores Dambara.
Patricia López Eijo lembrou que “o domingo día 18 de setembro será o día sen coches, polo que permanecerán pechadas ao tráfico varias rúas da localidade. Para finalizar o día sen coches organizarase unha merenda saudable á que están invitados todos aqueles que queiran achegarse á praza da Mariña a partires das sete da tarde”.

Sociedade