Burela inaugura o seu museo virtual

Burela inaugura o seu museo virtual

29 de Abril, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

O concello de Burela dispón dende onte do seu museo virtual que se pode visitar en Internet na dirección www.museoburela.org. A inauguración tivo lugar o xoves para toda a sociedade de Burela e o proxecto queda tamén aberto a futurás ampliacións. O museo virtual de Burela comeza tendo como lema 'a esencia da vila mariñá, a través das persoas que a habitan'.

O museo virtual vai estar dividido en seis salas onde os visitantes poderán achegarse á natureza, á pesca, á arte, á historia da vila en imaxes, á industria e á sociedade. A concelleira de Cultura, Neves Cando, explicou que se trata dunha iniciativa que xurdiu no seo da comisión municipal para a creación do arquivo e do museo do noso pobo, e o obxectio é que as xentes burelás sexan as protagonistas do museo.
A edil nacionalista explicou que se poderá encontrar en cada unha das salas. A primeira sala trata sobre a natureza do concello e fai un percorrido pola zona xeolóxica de Castrelo, polo río da vila, polo Monte Castelo e remata cun paseo guiado polas rochas do litoral. A segunda sala está adicada á pesca cun apartado especial para o barco museo e a feira do bonito, pero tamén cun apartado para falar do sistema de pesca artesanal. Na terceira sala percorremos a arte de Burela desde as pinturas da Vila do Medio e a cultura castrexa ata unha arte máis efímera, a das alfombras florais das  festas patronais. Na cuarta sala chegamos á historia de Burela en imaxes e está centrada en catro temas, o mar, a sociedade, o traballo e o urbanismo. A quinta sala é o espazo adicado á industria desde as primeiras fábricas ata o momento actual e cun apartado especial sobre a actividade pesqueira do  porto. E a sexta sala é a da sociedade, a de Burela como vila de acollida desde hai de anos de persoas procedentes de todas as partes o mundo, o que reflexa o pasado, o presente e o futuro do pobo.
Para visitalo só fai falla teclear www.museoburela.org

Sociedade