Burela organiza a Copa da Raíña de Fútbol Sala Feminino

Burela organiza a Copa da Raíña de Fútbol Sala Feminino

23 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

O clube burelés vai ser o primeiro en Lugo en acoller un acontecemento destas características. No campionato de España van participar os oito mellores equipos do panorama estatal do fútbol sala feminino, entre os que se atopa o C.D. Burela F.S., que actualmente está cuarto na clasificación.

O CD Burela FS, club organizador da XVII Copa de España de Fútbol Sala Feminino, xa coñece as datas para a celebración do evento. Será entre o venres 3 e o domingo 5 de xuño, coincidindo cos concorridos festexos patronais da vila, unha cita de referencia na comarca da Mariña e na provincia luguesa.

O pavillón Vista Alegre acollerá os cuartos de final na primeira xornada, cos cruzamentos de primeiro clasificado-oitavo, segundo-sétimo, terceiro-sexto e cuarto-quinto. O sábado, nas semifinais, veranse as caras o gañador do primeiro-oitavo co do terceiro-sexto e o vencedor do segundo-sétimo co do cuarto-quinto. O campión decidirase o domingo na gran final.

Esta será a primeira vez que a bomboneira albergue un campionato nacional tras ser a sede de eventos como a XVII Copa Galicia en 2006 ou os amigables da Selección Española ante Romanía e Uruguai, en 2007 e 2008.

O presidente do clube o burelés José Ramón González Casas manifestou hoxe nos micrófonos de Radio Burela a súa satisfacción por seren os encargados de acoller a Copa da Raíña. Salientou que este acontecemento deportivo será unha gran ocasión tamén para dar a coñecer Burela e dinamizar o turismo e a economía da zona. Durante a celebración do torneo desplazaranse ata a localidade mariñana oito equipos cos seus correspondentes corpos técnicos e demais acompañantes. As aficións que acudirán ver os partidos tamén terán un papel moi importante. A 'marea naranxa' como se deu en chamar ós siareiros do Burela F.S darán seguro exemplo de apoio ó equipo como veñen facendo en tódolos encontros e desplazamentos do clube.

Deportes