Cándido Pazó leva á escena o Balbino de Neira Vilas e os lectores

Cándido Pazó leva á escena o Balbino de Neira Vilas e os lectores

28 de Outubro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

“Eu son Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen dis, un ninguén. E ademais, pobre”. Así comeza a obra Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas. Un texto que o vindeiro 5 de xaneiro celebra o 50 aniversario da súa publicación, unha data especial que Cándido Pazó quixo aproveitar para renderlle a súa particular homenaxe “por tratarse dun libro incorporado á memoria

A proposta de Pazó, que exerce de contador de historias, director e adaptador do texto, trátase dun monólogo teatral, unipersoal, no que se mesturan as emocións, poesía e humor da obra coa memoria propia do narrador e a colectiva. Esta última, segundo Cándido, procede do que lle contou a xente, “de ter as orellas abertas ás vivencias dos demais”.

O cómico galego fixo unha selección daqueles apartados da obra que están máis presentes na memoria emotiva dos lectores como Pachín, o can, ou a mestra da que Balbino estaba namorado.

Pazó convértese en Memorias das Memorias dun neno labrego en contador de historias, que é fundamentalmente quen fala, pero por veces entra na peza Balbino en primeira persoa, seu pai ou outros personaxes da novela. Como quería facer un espectáculo especial, Cándido engadiu tamén música composta especialmente para o espectáculo e videocreacións que, de forma fresca e moderna, nos achegan fotografías antigas.

Os motivos de que Memorias das Memorias dun neno labrego se estree antes da celebración do 50 aniversario da súa publicación son varios. Segundo comentou o director en Radiofusión, isto era preciso para acceder ás subvencións de Agadic. Non obstante, o propio Neira Vilas tamén lle confesou que aínda que a obra se editou oficialmente a comezos de 1961, na primeira semana de decembro do 60 xa estaba rematada. A obra terá cinco representacións neste 2010 e o gran lanzamento producirase o 25 de xaneiro no Salón Teatro de Compostela.

Pazó conversou moito deste proxecto co propio Neira Vilas quen comprendeu este novo ámbito de creación no que verá reflectida a súa emblemática novela. O cómico asegura que mesmo lle deu suxestións e púxose ao seu dispor.

Memorias das Memorias dun neno labrego é un espectáculo dirixido a todos os públicos, aínda que Cándido recoñece que, nun primeiro momento, a peza ía destinada a aqueles que tivesen a novela máis fresca. En palabras do director, “o ideal sería que despois de ver a montaxe os espectadores tivesen a curiosidade de coñecer a Balbino por completo e iso só é posible lendo a obra”.

Cultura