Cabaleiro de verdade

Cabaleiro de verdade
12 de Xaneiro, 2020 - 11:00 h. | Publicada por Radio Fene

A orixinal fachada barroca chama a atención da persoa visitante do Mosteiro de Monfero. Sanfiz de Monfero é unha fundación beneditina de 1135. Despois pasou á orde do Císter, dependendo do mosteiro de Sobrado. Situado entre os rios Lambre e Eume, Ruinoso edificio en val fértil. Lugar solitario e agreste, tras frondosos piñeirais, segundo dicía o poeta Miguel González Garcés. Repousan alí os restos de Nuno Freire de Andrade "o mao", cabaleiro de verdade,segundo o seu epitafio, pero cruel e vengativo para a tradición.

Tumba de Nuno Freire de Andrade en Monfero

Reconstruído a mediados do século XVI por Juan de Herrera, homónimo e paisano do construtor de El Escorial. Cara 1620 planeou as obras actuais Simón de Monasterio. Igrexa de planta de cruz latina. A fachada da igrexa que, como é tradicional nos mosteiros galegos, forma ángulo recto co edificio conventual, rematouse en 1655. Colosalismo e monumentalidade. Catro enormes columnas compostas, flanqueadas por dúas pilastras estriadas da mesma altura que a fachada. Plasmación da grandiosidade e atrevemento nas solucións dos cenobios. Tanto polas ordes xigantes como polo axadrezado en granito e lousa. Intervén nela non só a liña e o debuxo, senón a cor. Que produce, coa sombra dos altos arbores da extensa explanada frontal, a sensación de cromatismo, profundidade e dinamismo barroco. Os frontóns en triángulos isósceles, as molduras das cegadas fiestras, as tallas grosas dos capiteis, os perfís saíntes da cornixa, amosan a tendencia galega de labrar a pedra profusamente e a aguda expresión do sentido plástico. Nas dúas fornices dos intercolumnios aparecen sendas figuras femininas que poderían ser a dunha raína, á esquerda do que mira, e a dunha monxa. Dentro, os sepulcros de varios señores de Andrade, entre eles o de Nuño Freire de Andrade o Mao, coa inscrición en galego: “O vone Jesus tede piedade da anima de Nuno Freire de Andrade cavaleiro de verdade un do concello do rei que se finou e no ano d 1431.  Nos arredores do mosteiro de Monfero, celébrase unha importantísima romaría típica na festividade da Virxe da Cela, o dia oito de xullo.

 

Cultura

Publica o teu comentario agora