A cabalgata dos Reis Magos chega con polémica a Fene

A cabalgata dos Reis Magos chega con polémica a Fene

05 de Xaneiro, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A cabalgata de Reis chegará esta tarde a Fene. Os Carteiros Reais iniciarán o percorrido polas parróquias. As catro e media visitarán Limodre, ás cinco Maniños e as cinco e media a Liga de Amigos de Barallobre. Os carteiros recollerán as cartas ás seis da tarde en Magalofes e as seis e media en Sillobre. Os magos de Oriente veñen rodeados de certa polémica.

Cinco entidades cidadáns resumiron nun comunicado a protesta polas novas disposicións que eliminaron o percorrido dos Reis Magos polas parroquias. A concelleira de Cultura Rocío Bértoa argumenta que o paso da cabalgata polas parroquias non era moi seguido polos nenos e nenas nos locais sociais e que retrasaba sempre a chegada dos reis a Fene. Nesta ocasión sustituíuse pola visita de dous carteiros reais que chegarán a cabalo a cada unha das entidades nas que unha animadora cultural estará media hora antes. A edil recoñece o erro de non ter convocado ás entidades para explicarlle estas circunstancias.

O presidente da Liga de Amigos de Barallobre, asinante con outras catro entidades do comunicado do descontento, explicaba a Radio Fene que os recortes non deberan afectar á cabalgata, pero o que máis reprochan ao concello é que non os consultara antes de proceder aos cambios. Afirmaba Manuel Vidal que para outras cousas, como pedir cartos para o alumeado do Nadal, sí os teñen en conta. Respaldan ese plantexamento o CPS de San Valentín, O Pote de Maniños, a AVV de Magalofes e a Sociedade Agarimo de Sillobre.

A cabalgada de Reis sairá este ano con puntualidade do cruce da rúa da Xunqueira coa avenida Marqués de Figueroa en Perlío. As tres carrozas discurrirán lentamente pola Avenida Marqués de Figueroa e a rua da Fraga en dirección á Casa do Concello. Intentase realzar as figuras dos Reis Magos, segundo Xosé María Permuy, da asociación O Tadetas.

A Asociación Veciñal de Magalofes organiza para esta tarde unha festa infantil. A entidade servirálle a nenos e nenas asistentes unha merenda entre as cinco e as oito da tarde. Unha animadora preparará xogos e haberá chiculate con churros. Todo no local da Asociación Veciñal de Magalofes para festexar a data dos Reis Magos. Dende as cinco da tarde.

Sociedade