Cabalos verdes na serra da Capelada

Cabalos verdes na serra da Capelada
21 de Novembro, 2022 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

Os cabalos ceibes no monte son un símbolo da natureza coa que nos debemos reencontrar. Non ten sentido seguir cun modelo económico baseado nun crecemento infinito cando temos un planeta finito. Un audiovisual sobre o poema de Parallé "Curro da Capelada" proxectouse no acto de entrega do premio de poesía que leva o nome do segrel do Penedo. Asimesmo inaugurouse a exposición de debuxos sobre a rapa das bestas, realizados nos colexios de Cabanas e Moeche no marco dos obradoiros de podcast do proxecto Onda ODS. Celebrouse na tarde noite do sábado no Círculo de Fene. 

CMI Unidade de Fene. 19 de novembro de 2022

A escritora Gisela Mato, recibiu emocionada o premio de mans da presidenta do CMI Unidade de Fene Paula Romero. O alcalde de Fene Juventino Trigo anunciou para o vindeiro ano o incremento da axuda municipal para a organización do galardón. Sara Plaza, en nome do xurado, e o poeta gañador da edición do ano pasado Anxo Mena, gabaron o libro escollido. A obra premiada fálanos das fraxilidades do corpo, da mente e dos afectos. Algo de vibrante actualidade nestes tempos de post-pandemia. 

Gisela Mato Rivera, nada na emigración en Xenebra en 1978 e na actualidade residente en Brión, obtivo a XXXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, co apoio do Concello de Fene. O xurado escolleu o libro de Mato, titulado Fraxilidades de entre 74 obras presentadas a concurso este ano. Recibirá 3.000 euros en metálico e a publicación na Editorial Espiral Maior.

 

Cultura

Publica o teu comentario agora