Cabazas para Conselleiro e Ministro de Educación

Cabazas para Conselleiro e Ministro de Educación

16 de Outubro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público entrégalle cabazas ao ministro e ao conselleiro polo seu suspenso como responsables da Educación. Convocou un acto reivindicativo diante da Consellaría como preludio da folga e as manifestación contra a LOMCE do 24 de outubro. As manifestacións están convocadas para as 11:30 horas nas sete cidades máis nas localidades de Burela, Vilagarcía, Lalín, Cee, Carballo e Ribeira.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público protagonizou este mércores 16 de outubro una nova protesta contra a LOMCE que consistiu nunha concentración diante da Consellaría de Educación. Ademais representantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público entregaron no rexistro da Xunta unha caixa chea de cabazas dirixidas ao conselleiro e ao ministro para simbolizar o seu suspenso “ moi merecido” como responsables da aprobación da LOMCE e dos continuos recortes ao ensino público.

O acto encadrase nas mobilizacións que, de xeito permanente, está a convocar a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público contra a LOMCE e os recortes no ensino público, e unha vez que a LOMCE xa pasou o trámite parlamentario do Congreso e  foi enviada ao Senado. A Plataforma recorda que a  LOMCE expulsará do ensino a unha boa parte do alumnado, o que teña menos recursos, avanza na confesionalidade e na privatización do ensino e é unha lei profundamente españolizadora , que nega o dereito ao ensino en galego.

Para a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, segundo explicou Anxo Louzao, integrante da Plataforma e secretario nacional da CIG-Ensino,  a LOMCE “é unha lei que nace cos días contados e que vai directamente contra o corazón do sistema educativo público”. Anxo Louzao afirmou que o conselleiro e o ministro son moi merecentes destes “agasallos” en coherencia co que levan feito contra  ensino público, gañándose un suspenso moi merecido.

Sociedade