A cabeza, o ollo e o corazón, no mesmo eixo

A cabeza, o ollo e o corazón, no mesmo eixo

05 de Marzo, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

“Fotografar é colocar a cabeza, o ollo e o corazón no mesmo eixo” segundo dixo Henri Cartier-Bresson. Foi unha das máximas do curso de fotografía dixital que ven de rematar no concello de Fene. Un curso para descubrir os segredos e usos da nosa cámara de fotos: programas, luz, enfoque... e despois sacarlles partido no ordenador, aprendendo a clasificalas, gardalas ou compartilas. A demanda foi tal que houbo que realizar ata tres cursos TIC desta modalidade.

O perfil do alumnado é dunha persoa afeccionada, que compra ou lle regalan unha cámara dixital que vai utilizar para sacar fotos da familia ou nas marchas de sendeirismo, por exemplo. Algún participante tamén precisa familiarizarse coas novas tecnoloxías por razóns laborais.

Para impartir o curso, un monitor de excepción, o documentalista Xoan Porto; experto fotógrafo que ultima un proxecto dixital denominado “Revista Naval” . Del son unhas das mellores fotos de botaduras realizadas en Bazán. Porque puxo nelas, seguro, a cabeza, o ollo e o corazón. 

O alumnado do ultimo curso celebrado na Aula Informática do Concello de Fene, aprendeu e practicou activamente no Parque Castelao. Enviáronnos alguns exemplos dos seus ensaios, que podemos ver na galería de fotos desta nova, así como a entrevista realizada en Radio Fene a Xoan Porto. Ao remate do curso este despedíu ao alumnado coa frase: "Tirade moitas fotos"  Amsel Adams dixo: “Non hai regras para facer boas fotos. Só hai boas fotos”.

Sociedade